O mes de setembro trae «Esencia de Festiletras»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

SES EN UN CONCIERTO RECIENTE EN A CORUÑA
SES EN UN CONCIERTO RECIENTE EN A CORUÑA EDUARDO PEREZ

A Fundación Pondal festexará as Letras, nunha edición peculiar, do 31 de agosto ao 6 de setembro. Sés ou Xabier Díaz estarán no Couto. A celebración, adiada no mes de maio, incluirá artesanía, música, ciencia, recoñecementos... Todo en espazos abertos e con aforo limitado

23 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Fina Casalderrey, xa recoñecida como Boa e Xenerosa e homenaxeada incluso moitos anos antes na Casa dos Veciños, dixera entón que a aldea do Couto, en Ponteceso, era un «frasco pequeno cheo de esencia». Esencia artesá, musical, literaria, científica... Cultural, en definitiva. Aquelas súas palabras inspiran as Festiletras deste 2020, que a causa da pandemia do covid-19 ficaron convertidas nun encontro que dende a Fundación Eduardo Pondal, organizadora última da cita, deron en chamar Esencia Festiletras, e que se desenvolverá entre o 31 de agosto e o 6 de setembro. Sería a 38.ª edición. O coronavirus impediu o tradicional festexo das Letras Galegas en maio, se ben xa daquela se anunciou un aprazamento agardando outros tempos. Pese a todo, non deixou de facerse o 17 un encontro virtual de corenta persoeiros de diversas disciplinas, nin tampouco se deixou de interpretar o Himno.

Apoio á cultura

Chegada a nova normalidade, a organización amosa o seu empeño en non saltar nin o máis mínimo os consellos das autoridades sanitarias, de aí este Esencia Festiletras, un formato reducido. Así, o público dos distintos actos será sempre limitado e haberá un estrito control de todas as persoas que se acheguen, cumprindo ademais todas as medidas de seguridade e hixiénico-sanitarias precisas. «Foi unha decisión difícil para nós», indican dende a Fundación pontecesá. A celebración, agora, ten un fin claro: «Seguimos adiante co único obxectivo de preservar os ingresos dos artistas e así manifestar o noso apoio ao mundo da cultura». María Xosé Silvar, Sés, ou Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, encabezan un cartel no que haberá moito máis: representantes locais, comarcais...

Espazos ao aire libre

Os emprazamentos das diferentes propostas serán ben singulares: eiras, cabanotes e encrucilladas ou cruces de camiños, todos eles espazos ao aire libre que acollerán tanto os concertos do sábado e domingo como as propostas divulgativas dos cinco primeiros días deste Esencia Festiletras, e que dalgunha forma alongarán a Escola de Verán 2020 cos convidados e convidadas.

Cadeiras separadas e control sanitario

Ademais da elección de espazos abertos para a celebración dos diferentes encontros, así como a redución de aforo a cantidades moi pequenas de público, a organización velará pola seguridade e o cumprimento de todas as medidas indicadas polas autoridades en torno ao covid-19. Os asistentes disporanse en cadeiras separadas, gardando a necesaria distancia e, isto é, sempre sentados. Haberá control sanitario (medición da temperatura, como se está facendo agora na Escola de Verán) e incidirase no obrigatorio uso de máscaras. Durante a celebración dos concertos dos días 5 e 6 de setembro non estará tampouco permitida a consumición de bebidas nin de comida: tamén se prohibirá fumar no recinto, avanzan. Do control de acceso encargarse unha empresa privada de seguridade, así como tamén os axentes da Policía Local e os integrantes de Protección Civil do Concello pontecesá.

A cultura ben pode ser segura, reivindicaron moitos artistas nestas últimas semanas. Esencia Festiletras pretende ser un encontro de apoio a este sector, que tamén é motor económico.

Avance da programación

Do 31 de agosto ao 4 de setembro 

  • DE 10.00 A 14.00 HORAS. Burbullas científicas, literarias e artísticas. Polo Couto pasarán as contadas de Vero Rilo; as viaxes mariñeiras de Xurxo Souto; a literatura de Yolanda Castaño; o rock&roll de Laura Romero e Pakolas; a música de Orquestra; os obradoiros teatrais, de Lucho Penabade na lembranza de Mourelle de la Rúa; os talleres científicos, conferencias e espectáculos Festiciencia da man de Ceo Aberto; as arquitecturas de Palitroques nas que terá cabida a figura de Domingo Antonio de Andrade; as intervencións dos profesores Carracedo, Rabuñal e Mariño...

José Manuel Casal

  • A PARTIR DAS 18.00 HORAS. O luns 31, ciencia a cargo de David Ballesteros. O martes, instrumentos con X. L. Romero e Pepe Vaamande. O mércores, coa artesá Elena Ferro. O xoves, Saberes de muller, documental de Omar Rabuñal. O venres, Aldeas Singulares, foro de propostas sobre o rural: como convidados, Fundación Brandomil; Asociación Parroquial de Berdoias; directora da banda municipal infantil de Xinzo; directora de Familia, Infancia e Dinamización demográfica; Fundación Uxío Novoneyra; Fundación Santa María la Real; Jaime Izquierdo, Fundación Juana de Vega e Óliver Laxe.

Sábado 5 de setembro

  • 18.00 horas. Concerto de Sés. Na eira da sede da Fundación Eduardo Pondal, con aforo moi limitado, e ao abeiro da Rede Cultural dea Deputación. As entradas deben mercarse de forma anticipada, online, en Ataquilla.com, a un prezo de 6 euros. Nesta mesma tarde tamén se lle entregará o premio Literatas 2020 a Irma Macías, a voz vimiancesa da formación Luar na Lubre. Darallo a regueifeira Lupe Blanco.

BASILIO BELLO

Domingo 6 de setembro

  • 18.00 horas. Concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. Tamén na eira da Fundación Eduardo Pondal, e con aforo moi limitado. Igualmente, ao abeiro da Rede Cultural da Deputación. Entradas a 6 euros en Ataquilla.com: cómpre mercalas previamente. Xabier Díaz recibirá ademais neste día o Premio Bo e Xeneroso 2020. Entregarallo o presidente da fundación, Lois García.

E ademais...

OS NOMES DOS LUGARES

  • A artesanía nunca deixou de estar presente dende o ano inaugural das Festiletras. Nestas, aínda sendo esencia, tampouco. Colocaranse placas de barro de Buño, elaboradas por Carmen Isabel Labrador, muller pioneira, nos rueiros da aldea do Couto.

ANA GARCIA

A VOZ DA PAISAXE

  • Instalación dunha lona cunha fotografía de Damián Varela e unha imaxe do Monte Branco. Acompaña un texto de Eduardo Pondal. Situarase na fachada da Casa do Rosquilleiro.

MURAL

  • Obra de Luís Davila, que os días 2, 3 e 4 de setembro plasmará no inicio dos pasacabanotes. Non é a primeira intervención artística perenne no Couto: só por citar unha das máis recentes, está a obra de Yoseba MP, cunha clara mensaxe en favor do coidado do mundo rural e da prevención de incendios.

Colaboradores públicos e privados para que esta 38.ª edición tan atípica poida ser posibl

A Fundación Eduardo Pondal ten unha boa listaxe de colaboradores para que esta cita sexa posible. Entre as institucións públicas que achegan o seu gran de area ás Festiletras están Ministerio de Ciencia e Innovación (Fecyt), Xunta de Galicia (Xacobeo 2021, Dirección Xeral de Políticas Culturais, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Consellería de Educación, Dirección Xeral de Familia, Dirección Xeral de Territorio e Paisaxe, Dirección Xeral de Comercio, Secretaría Xeral de Igualdade, Galicia Calidade e Consello da Cultura Galega), Fundación Juana de Vega, Fundación Camilo José Cela, Deputación Provincial da Coruña e Concello de Ponteceso.

Tamén empresas privadas se comprometeron con esta celebración tan especial das Letras Galegas: Gadis, Deleite, Bico de Xeado, Terras Gauda, Mahou, Conservas Calvo e Madouma, segundo detalla a organización.

Unha cita con moitos implicados: veciños, artistas, voluntarios...

A Fundación Eduardo Pondal, no anuncio desta próxima programación, quixo dar as grazas a todas as institucións públicas e privadas que fan posible un ano máis, aínda que sexa nestas condicións excepcionais, «este pequeno milagre nunha aldea do noso rural». «O noso agradecemento á confianza depositada en nós polos nosos veciños e veciñas. O noso agradecemento para o noso voluntariado, que sempre está disposto a botar unha man cando é necesario. O noso agradecemento para os científicos, literatas, artistas de todo tipo que acoden gustosos á nosa chamada. O noso agradecemento a todos os que fan visibles as nosas actividades nas redes, na prensa, na radio ou na televisión», expresaron tamén.

A idea do milagre hai tempo que callou no Couto, que acolle así o que Neira Vilas tiña definido como a celebración das letras máis grande do país. Apenas quedan xa uns días para o comezo do programa, polo que os interesados, sobre todo, neses dous concertos con aforo tan limitado, han de darse présa en reservar os billetes. Do 31 de agosto ao 6 de setembro será tempo de vida en Ponteceso.