«Esencia Festiletras» pon en valor os «Saberes de muller»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Omar Rabuñal presentou documental no Couto. Hoxe, o programa será amplo e inclúe, entre outras paradas, a visita de Ángel Carracedo e o panel de experiencias Aldeas Singulares 

04 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Guionista e director, Omar Rabuñal volveu onte á aldea do Couto para presentar Saberes de muller, un documental «de recollida e empoderamento fundamental para manter a identidade do xénero feminino e a súa independencia e autonomía», como o describe a Fundación Pondal, impulsora do traballo. Explicaba Rabuñal pouco antes da estrea, dentro do programa de Esencia Festiletras, que se convocou a unha trintena de mulleres da comarca de Bergantiños e da Costa da Morte: 32, exactamente.

A premisa era a lembranza dos tempos de antes, e así foron xurdindo cuestións moi diversas dende os tempos da posguerra ata outros máis recentes, anos sesenta, setenta... A mocidade, o que significa ser nai solteira ou os tempos de fame, por exemplo. Tamén oficios xa esmorecidos, como as anguleiras do Anllóns, as leiteiras que ían ata Corme ou as costureiras. Carmen Isabel Labrador, presidenta dos oleiros de Buño, aportou asemade a súa testemuña: aqueles tempos nos que ela se puxo ao torno cando era algo vetado para as mulleres. Saberes de muller esténdese ao largo dunha hora e tamén se reflexiona sobre a discriminación que elas sufrían en cuestións como o acceso a unha educación que, doutra banda, era moi diferente á de hoxe: «Quen tiñan preferencia eran os rapaces», lembra Omar. «Caldo, broa, patacas cocidas e algún xurelo» integraban a dieta doutro tempo. O galego na escola, o tempo no que elas tampouco podían regueifar... Son moitas as cuestións que se tratan neste traballo, creado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, da Xunta de Galicia. Foron precisos varios pases, onte, para poder mostrárllelo ás protagonistas, en tanto que en todas as propostas se gardan as necesarias distancias e outras medidas anticovid.

O programa para hoxe

Ao longo de toda esta semana, os pequenos veñen traballando en diversos experimentos, como parte das Aulas Científicas e do Festiciencia. Darán a coñecer hoxe os seus proxectos e terán, tamén, un convidado de excepción, o xenetista e investigador Ángel Carracedo, que manterá un encontro con alumnado na Eira de Gervasio. O arquitecto Víctor González acudirá ao Couto, doutro lado, para dirixir un obradoiro, Palitroques, en boa medida como homenaxe a Domingo Antonio de Andrade. Na Praza de Quinteiro haberá un espazo Maker a cargo da empresa Vermislab e a madeira traballarase a través de xogos, talleres, contos e mesmo actuacións, con Cé Orquestra Pantasma. Finalmente, da man do CIFP As Mercedes, de Lugo, haberá un achegamento aos drons. Para as 18.00 está previsto o espazo de reflexión e posta en común Aldeas Singulares.