José Manuel Andrade: «Hai que cambiar o discurso sobre o rural. Hoxe non é sinónimo de atraso»
CARBALLO
«É sinónimo de oportunidades e hai que inculcalo dende idades temperás», afirma o director da Fundación Juana de Vega, que o sábado participou nun Foro Voz no Couto, en Ponteceso
23 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.
José Manuel Andrade Calvo (Corcoesto, Cabana, 1975) dirixe a Fundación Juana de Vega, unha entidade que persigue o desenvolvemento do medio rural en Galicia e a canalización das oportunidades que este ofrece. Sobre estes asuntos falou no Foro Voz celebrado no Couto o pasado sábado e reflexiona tamén para La Voz:
-Cales son os grandes retos aos que se enfronta o rural?
-Sen dúbida, o despoboamento, o envellecemento da poboación, o abandono da terra e das súas actividades produtivas e a dificultade para acceder aos servizos.
Para avanzar no desenvolvemento rural hai varias cuestións que abordar. Para empezar, hai que impulsar políticas que fortalezan eses espazos, como unha reforma para poñer en valor a terra produtiva abandonada: que quen a demanda a poida traballar.
Tamén considero que se debería adaptar a lexislación urbanística ás necesidades do rural, ademais de apostar polo fortalecemento da industria agroalimentaria. Estamos moi orientados aos produtos do sector primario, pero temos escasa capacidade para darlle valor nos mercados. Tamén me parece importante recuperar a marca Galicia Calidade para os produtos do agro e do mar.
Por outro lado, co covid moita xente está mirando cara o rural como un espazo máis seguro, co cal habería que avanzar no proceso de dixitalización de no acceso a banda ancha. Hai que apoiar o emprendemento no rural, e non só con axudas económicas, senón tamén con asesoramento.
Outro elemento clave: a valorización da produción local, tanto por parte da cidadanía como da Administración, que debería asegurarse de que as materias primas de proximidade estivesen nos comedores escolares, nos hospitais e nas residencias.
Por último, é necesaria unha reforma administrativa, que non se lle poñan trabas aos emprendedores nin se lles aplique unha fiscalización excesiva xa dende antes de comezar co negocio.
-Que novidades incorporan ao IX Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias que impulsan dende a Fundación?
-No contexto actual, mesmo pequenas e medianas empresas que xa están en funcionamento van ter dificultades porque terán que abordar procesos de adaptación a esta nova situación. Ampliamos a nosa oferta do programa para cubrir estes casos, pero tamén a outras iniciativas que traten de poñer en valor os recursos locais, de proximidade.
-Dos proxectos nacidos ao abeiro deste programa, cantos sobreviven e teñen continuidade?
-Eu sempre digo que hai dous tipos de emprendedores: os de oportunidade e os de necesidade, que como non teñen traballo buscan outras alternativas. Estes son os que con máis frecuencia non son capaces de sacar adiante a súa idea porque son incapaces de asumir riscos e abandonan en canto lles sae un traballo. Nas oito edicións participaron uns 80 proxectos empresariais, acaban o programa arredor do 75 % e, de todos eles, mantéñense uns 60 %. É certo que en toda actividade de emprendemento hai unha elevada mortalidade nos primeiros meses ou anos de vida.
-O impacto do covid fíxose notar para todo o sector, por exemplo na caída dos prezos da carne.
-Dende logo o impacto económico foi notable, aínda que é certo que foi moito menor para o sector primario. Na carne, afectou especialmente pola canle da hostalaría. Noutros ámbitos, como a industria láctea, a produción seguiu aumentando e os prezos ata melloraron. Si puido afectar no referido á venda de vacas vellas para o sector cárnico.
-E que hai do forestal?
-Loxicamente, tamén tivo efecto. A paralización dos investimentos por parte de grupos empresariais en temas contract, ou tamén a ralentización dos investimentos en apertura de tendas (que ten un peso destacado para a industria galega), pois tamén resinte o sector.
-Cal podería ser a clave para acabar co abandono do monte?
-Aquí temos unha gran capacidade forestal e hai moitas oportunidades relacionadas coa economía verde, pero sufrimos un déficit de xestión. Hai que avanzar nos procesos de ordenación e certificación para poder competir a nivel internacional, facer unha maior planificación e tamén aprender a xestionar os terreos de maneira conxunta, debido ás súas reducidas dimensións.
-A formación xoga un papel destacado, a tódolos niveis.
-Cómpre cambiar o discurso sobre o rural. O rural hoxe non é sinónimo de atraso, senón de oportunidades. Iso hai que trasladalo dende idades temperás nas escolas, ensinarlles exemplos de éxito. Noutros países do entorno ser gandeiro ou agricultor é motivo de éxito e satisfacción. Desenvolven unha función social fundamental: fornecen de alimentos, pero tamén preservan a terra e o medio natural no que vivimos. Se todo queda en abandono vainos comer o lume.