O Concello presentou onte o libro, elaborado por Xosé María Lema e Evaristo Domínguez, nun acto institucional
17 nov 2020 . Actualizado a las 21:43 h.Son 520 páxinas, 430 fotografías, 106 mapas e 57 táboas de datos. É Zas polo miúdo, unha pequena enciclopedia municipal que, segundo o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, tería que servir de modelo para facer o mesmo nos 93 concellos da provincia. Onte, Día Internacional do Patrimonio, presentouse no edificio de servizos múltiples zasense o libro elaborado por Xosé María Lema e Evaristo Domínguez Rial, promovido dende o consistorio e publicado pola imprenta provincial.
«É unha obra de lectura e de consulta», indicou Regueira Varela, que tamén dixo dos autores: «Todos somos necesarios, pero hai xente que é imprescindible». E valorou que persoas como Lema, Domínguez ou Xan Fernández, que tamén estaba no acto, sigan ocupando o seu tempo en evitar que «non se perda a memoria». Anunciou, por outro lado, novos convenios coa Fundación Brandomil e o Concello para levar a cabo proxectos no ámbito do xacemento arqueolóxico da parroquia zasense e, tamén, nas Torres do Allo. O obxectivo é, segundo dixo, que «a xente tome conciencia do valor que a súa terra atesoura».
No Concello quixeron darlle ao acto unha grande dimensión, pero limitada polas medidas contra o covid. O alcalde, Manuel Muíño, agradeceu o traballo dos autores e o pulo que lle deu o exconcelleiro Manuel García Velo para que a obra saíse adiante, así como o labor da técnica de Turismo, Tania Carreira, que levou a cabo a maquetación do volume.
Para García Velo, onte foi «un día moi especial». Sinalou que os traballos que deron lugar á publicación amosada onte comezaron no 2015 e dixo que o resultado é a obra da que «máis orgulloso» se sente. Empezou, dixo, coa idea de dar a coñecer a historia e os valores de cada parroquia na páxina web do Concello e rematou en libro «para pór en valor o patrimonio material e inmaterial e paisaxístico» do municipio.
Xosé María Lema lembrou que, xa hai 31 anos, o exalcalde Ramón Lois, finado no pasado mes de xaneiro, promoveu a publicación do libro sobre o equipo do Baio. Logo quería facer unha guía. E, co tempo, chegou agora Zas polo miúdo. En novembro do 2016 comezaron as publicacións na web municipal sobre cada unha das parroquias, mes a mes, que conseguiron 10.000 visitas: é a base do volume presentado onte.
Domínguez Rial e máis Lema Suárez foron viaxando de forma resumida sobre o contido do libro, os mapas, as fotografías, os espazos de interese, os persoeiros e os lugares de engado. Carballeiras, fervenzas, igrexas, arte, xeoloxía, historia e numerosas curiosidades están espalladas polas 520 páxinas.
Contaron con documentos de importancia, como os Servizos feudais ós condes de Altamira, de 1590; a visita do Cardenal del Hoyo, en 1607; o Catastro de Ensenada, en 1753; o dicionario de Pascual Madoz, ou a compilación de Carré Aldao, de 1928.
Eduardo Pondal, o cantor de Brandomil, Brandoñas e a Arca da Piosa; Labarta Pose, xornalista, poeta e autor teatral; José López Pérez, que foi presidente do Centro Galego de La Habana, ou Domingo Fontán son algúns dos personaxes apuntados, así como outros aínda vivos.
Aproveitou Lema para propoñer melloras, como a limpeza do dolmen de Pedra Vixía, así como un bo aproveitamento do entorno no que se casan os ríos Zas e Grande do Porto, ou traballos de investigación do asentamento romano de Brandomil, o cuarto en importancia da provincia.
Contaron, por outra parte, que ademais do apoio de Tania Carreira, tiveron a axuda de Chema Rei Lema e Rubén Rial. Unha obra «impagable», como veu a resumir Xosé Regueira e valorou o alcalde.