EN PRIMEIRA PERSOA | Agora máis que nunca é necesario reflexionar e repensar os espazos conxuntamente
22 nov 2020 . Actualizado a las 11:14 h.Como arquitecta, teño a sorte de deseñar espazos que van ser vividos, gozados, e tamén transformados. Como educadora e profesora, son consciente do importante que é escoitar ás persoas, facelas partícipes do proceso educativo que se está levando a cabo. Como resultado desta combinación, nace a necesidade de deseñar ou transformar espazos educativos a través dunha escoita activa das nenas e os nenos que van vivir a diario nel, converténdoos en axentes principais do proceso que se realiza; cuxo obxectivo final é o de desenvolver un proxecto pedagóxico-arquitectónico que transforma a realidade de toda unha comunidade.
Inmersa na conexión de Arquitectura e Educación, formo parte dun colectivo de profesionais, Sistema Lupo, no que utilizamos experiencias prácticas baseadas en distintas disciplinas de Arquitectura, como son o debuxo, a xeometría, a historia, o deseño…. E apoiándonos no sistema de pezas Lupo xeramos didácticas de xogo que favorecen unha aprendizaxe lúdica, cooperativa e significativa. Desta maneira, a arquitectura está presente nos centros educativos como un xogo; e o xogo, como un material didáctico a introducir nas aulas, conectándose transversalmente a todas as materias e favorecendo metodoloxías activas de aprendizaxe e de cohesión social.
Outra maneira de levar á práctica o binomio arquitectura e educación é a través de Mestra de Obra, un programa co que se chega aos centros coa intención de xerar unha transformación do espazo, no sentido máis amplo.
Ao comezar nun centro educativo, nas formacións iniciais, gústame facerlles ver a todos os participantes do programa que calquera espazo, interior ou exterior, pode ser un axente educador máis, cun papel importante na metodoloxía e no proceso de ensino-aprendizaxe. O que vexo na actualidade é que as instalacións escolares públicas do noso territorio están moi envellecidas, sendo o momento de aproveitar as renovacións que se producen a nivel construtivo para facilitar unha innovación pedagóxica; que a transformación se produza á vez, que unha favoreza á outra, e viceversa. Tamén para reflexionar e entender o espazo, de maneira que saibamos ver a potencialidade que ten para convertelo nun espazo pedagóxico, sexa o espazo que sexa: a aula, a biblioteca, o comedor, os aseos… todos os espazos do centro escolar son idóneos para que a transformación ademais de arquitectónica, leve engadida unha compoñente pedagóxica.
Unha característica para destacar é que se trata dun proxecto cooperativo. Realízase unha escoita activa de todos os axentes que interveñen, e que directa ou indirectamente participan dese espazo; profesorado e persoal do centro, alumnado, asociacións de nais e pais, familias, concellos, empresas locais… Incluíndo así a toda a comunidade educativa, co fin de conseguir unha implicación total, tanto nos primeiros momentos de análise, no proceso de deseño, como, á hora de levar a cabo todo o desenvolvemento da transformación.
O máis interesante é que cada centro escolar ten unhas características únicas, pola súa situación xeográfica (na costa, na cidade, no rural); polas súas particularidades, polas empresas existentes na zona, e, sobre todo, pola comunidade que se xera en cada un deles. Por todo iso, as respostas son distintas. Son propostas moi traballadas, moi pensadas; froito desa reflexión conxunta entre todos os participantes, e de desenrolalo durante o curso como un proxecto educativo máis.
Un dos exemplos para destacar na zona é o do CEIP Labarta Pose, en Baio. Como mil metros cadrados de patio formigonado e asfaltado irregularmente convértense nunha topografía lúdica, na que natureza, xeometría e xogo únense para xerar un espazo pedagoxicamente activo, no que aparecen novas opcións de xogo diferentes. E no que, apoiándonos na industria local, reciclamos e reutilizamos un residuo para converter os contedores de reciclaxe de vidro en casas, poñendo en valor o espírito de comunidade que se xera coa contorna inmediata da escola.
Resulta moi gratificante, unha vez terminada a intervención, ver ás nenas e aos nenos gozar deses espazos transformados, ver como os van facendo seus, e como van xurdindo novas necesidades e posibilidades de cambio. A realidade é que, unha vez iniciado o proceso de cambio, xa non termina; inflúe nas persoas converténdose nunha actitude. Sempre vai haber algo que transformar, modificar ou potenciar; porque as comunidades van cambiando tamén, e as necesidades adáptanse ás novas situacións.
Isto agora entendémolo moi ben pola situación actual que vivimos, coa aparición da pandemia que alterou a nosa maneira de vivir, modificando as nosas necesidades e prioridades. Os espazos educativos tiveron que cambiar obrigatoriamente adaptándose a unhas características excepcionais cumprindo uns estándares hixiénicos e sanitarios; modificando os espazos e os seus usos para resolvelo con moita brevidade.
Opino que agora máis que nunca é necesaria ese labor de reflexionar e repensar os espazos conxuntamente; xa que, cando arquitectura e educación colaboran estreitamente, a transformación vai máis aló do espazo arquitectónico e do proxecto pedagóxico; prodúcese en toda a comunidade que participa activamente no proceso.