Os ídolos caídos

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

30 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada un de nós decide a quen admirar. Estes días, volve a saír a luz un dos dilemas que asoballou a imaxe de grandes actores, dramaturgos, escritores ou futbolistas: separar a obra da persoa, a personaxe mítica do esqueleto humano. Podemos amar a narrativa fluída de Nabokov ou Marqués de Sade e palidecer ante certas condutas que tiveron en vida. O mesmo pasa con outros como Bertolucci ou o mesmísimo Diego Maradona, que se encontra de actualidade.

Para el, as mulleres non podiamos entender de fútbol. Quizais, Maradona non só foi célebre e popular entre as masas polo seu modo de xogar e as súas orixes humildes. En parte, gañou empatía por representar o estereotipo de home que ten o poder de alzar a voz, de gozar dos excesos e ata considerar as mulleres como obxectos de pracer inherentes. O desagradable é que certas ideoloxías tomen de referencia a súa figura como medalla do comunismo ou do socialismo, que esas mesmas persoas nos representen nas cámaras. Moitos deles sentiron moito máis a morte de Maradona ca a de calquera muller que perdese a vida neste ano pola violencia de xénero. Non se pode reivindicar posturas tan antagónicas.

Separar o home da obra, din. Concordo, ao final a lenda converteuse nun xoguete da industria que non puido gozar nin da vida nin da vellez na súa idade provecta. Non obstante, sorprendeume algo. Os meus amigos de Arxentina, do Clube Rotary Interact, non compartiron nas redes a morte do seu ídolo. Cada día traballan para iniciar actividades contra a polio, contra a pobreza infantil ou solucións para sacar aos mozos da droga que asolaga as rúas dos barrios máis desfavorecidos. Para min, calquera dos seus voluntarios ocupa con grandilocuencia a miña definición de ídolo.