
MEMORIA INMATERIAL | Escribe Rafael Quintía sobre a importancia de afondar no coñecemento, estudo, divulgación e valorización do noso patrimonio
13 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O entroido é a celebración máis importante, complexa e fascinante de cantas conforman o noso calendario ritual. Un feito social total, como xa teño explicado noutras ocasións, pois aglutina aspectos económicos, relixiosos, políticos, sociais e incluso xurídicos ao establecer unha nova normatividade imperante neste tempo festivo especial. Asemade, o entroido é unha festa de enorme carga ritual onde se combinan diversos aspectos, entre eles a compoñente satírica, a burla, a mofa e o escarnio que permite, precisamente, esa nova normatividade temporal. Os ritos burlescos típicos do entroido inclúen o teatro popular; os xogos como o da vaca, as farsas; a representación de oficios onde se imitaban traballos do campo, vodas, partos e outras situacións cotiás escenificados de forma esperpéntica e humorística; os sermóns e testamentos de peche do entroido; as bromas entre veciños, e tamén a marabillosa retranca das sempre creativas letras das comparsas.
Nos entroidos da comarca de Bergantiños atopamos o repertorio completo destes ritos satíricos e festivos, pero cómpre salientar a especial importancia que as comparsas entroideiras acadaron nesta terra. Non por nada é esta terra de regueifeiros, artistas da improvisación, mestres da sátira doutores da retranca e a rexouba. As cantigas das comparsas destacaban polas súas letras. Quedan na memoria agrupacións como Los ciegos con vista, do 1933; a comparsa titulada Os Esquerdistas, celebrada no 1936 en Brantuas e Niñóns, ou aquela do 1950 que falaba “dunha cousa rara”: a dura vida e as penurias dos mariñeiros. Poderiamos citar tamén aquelas Voces infantiles del carnaval, que no 1961 cantaban:
Somos de Mens e Asalo
dos máis forxos do lugar
non quixeron vir os outros
porque se queren casar.
Unhas letras que co verniz da mofa e do humor popular, facían un percorrido satírico polos feitos acontecidos na aldea durante o ano, con especial interese na crítica pública daqueles veciños cuxo comportamento vulnerase as normas sociais. Chismes, ruxe ruxes, preitos, asuntos amorosos, liortas entre a veciñanza ou entre aldea eran tan só algúns dos temas que desfilaban por estas coplas populares, sen esquecer a sátira e a crítica social aos poderes establecidos: políticos, económicos, eclesiásticos, xurídico... . Neste entroido pandémico, quixemos presentar en vídeo o testemuño de Teresa dos Cucos, que, coa súa prodixiosa memoria, lémbranos algúns deses aspectos máis satíricos e burlescos do entroido bergantiñán. Da súa viva voz poderemos escoitar algunha daquelas vellas coplas interpretadas polas comparsas nestes tempos rituais de licenza, excesos e diversión.
Un testemuño que pon sobre a mesa a importancia de afondar no coñecemento, estudo, divulgación e valorización do noso patrimonio inmaterial e, en concreto do entroido de Bergantiños. Velaí a memoria viva dun entroido que foi e, quizais, algún día volva ser vivido coa forza e intensidade de antes.
Rafael Quintía Pereira é antropólogo.