María Jesús Muñoz, xerente do Instituto Galego de Consumo: «Cada vez hai máis compromiso co consumo responsable e sostible»
CARBALLO
Ecovoz 2021 | A entidade únese á loita contra o plástico no Día dos Dereitos do Consumidor. Diso falou en RadioVoz
15 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.
Coincidindo coa conmemoración hoxe luns do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, o Instituto Galego de Consumo (IGC) programou diferentes actividades coas que se sumará a un día no que, nesta ocasión, se centra na redución do uso do plástico.
-De que modo se van adherir desde a institución que xestiona a esta data?
-A Comisión Europea elixiu con moito acerto o lema Loita contra a contaminación do plástico e, por suposto, que aínda hai que facer moitísimas cousas. Nós desde a Xunta, a través do IGC, queremos sumarnos a esta celebración e decidimos centrarnos na reducións do plástico nos nosos fogares. Hai outras maneiras de loitar contra esa contaminación, pero optamos por dirixirnos a eses pequenos hábitos diarios de consumo que temos que ir mudando. Fanse moitas cousas, pero aínda hai moitas outras que hai que cambiar. Por iso, desde hoxe -luns- na nosa web imos colgar unha serie de consellos e recomendacións para reducir ese consumo de plástico dunha maneira individual nos nosos fogares.
-¿En cales van incidir?
-Desde xeitos dan sinxelos como ir facer a compra e levar bolsas de tea, ou un carriño para non utilizar as de plástico, ou intentar mercar produtos a granel ou dun tamaño máis axeitado ao noso fogar, evitar empaquetados de plástico, buscar produtos de limpeza alternativos, que sexan máis naturais e económicos... Hai moitísimas cousas que cremos que se poden levar a cabo na nosa vida diaria, e así, contribuír a reducir e loitar contra ese plástico.
-Os galegos, como cre que nos comportamos neste tipo de prácticas? Precisamos mellorar?
-Eu quero ser positiva e creo que se está a facer moito desde moitísimas instancias no plano da formación e da información. Penso que cada vez contamos con xente máis comprometida co medio ambiente e con ese consumo máis responsable e sostible. Agora ben, loxicamente, aínda hai moito que facer nese sentido. Nós quixemos centrarnos en cousas cotiás, porque estamos convencidos de que se fai moito para contribuír a reducir esa contaminación.
-A pandemia mudou os nosos hábitos de consumo.
-Acabamos de aprobar a nosa estratexia de protección para os próximos cinco anos que encadramos en tres ámbitos: dixitalización, colectivos vulnerables e a información e a educación. A pandemia acelerou a dixitalización e moitos se atreveron a mercar electronicamente. Pero non se pode esquecer que os consumidores teñen que ter a mesma protección, os mesmos dereitos en liña que de forma tradicional. Estamos a facer bastantes actividades nese sentido. Ademais, tendo en conta a certas categorías de persoas consumidoras que, ás veces, quédanse rezagadas ou carecen de medios ou capacidades para poder participar dunha maneira máis activa neste mercado.
«Damos prioridade ao control de páxinas web, máscaras, EPIs e desinfectantes»
A xerente do IGC subliña a importancia de «aumentar a protección dos consumidores, sempre tendo como obxectivo fomentar ese consumo responsable e buscando a resiliencia das persoas consumidoras»
-En definitiva, trátase de educar. Con que ferramentas contan para conseguilo?
-Dentro do IGC temos a Escola Galega de Consumo que, a raíz da covid, sufriu algúns cambios. Antes facíamos moitas das nosas actividades de maneira presencial e o que fixemos é potenciar a nosa aula virtual. Atendemos a toda a poboación, pero dedicamos unha atención moi especial aos nenos e colectivos máis vulnerables. Por exemplo, contamos cun programa de consumo responsable que facemos con Educación, outro de consumo accesible ou talleres para os máis novos. De feito, o luns 15 inauguramos a nosa ludoteca virtual cun conto e un cómic.
-E nese traballo tamén está o control dos produtos que están no mercado e as reclamacións particulares. Como foi o ano?
-Nesta pandemia potenciouse o tema online. No control de mercado temos plans anuais de inspeccións en todos os sectores. No 2020 foron 27 campañas e 48.000 inspeccións. Damos prioridade as control de páxinas web, máscaras hixiénicas, EPIs, e desinfectantes. Agora mesmo estamos cunha campaña de e-commerce.