Vaud

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

OllarBlick

30 abr 2021 . Actualizado a las 08:57 h.

Estes días mandáronme de Suíza unhas fotos de xente paseando ou deitada nas praias do cantón de Vaud, que é o que está pola zona de arriba do lago Leman, o que vai de Montreux a Xenebra, e que ten pola ribeira a maior parte de nomes suízos de bares e negocios que se foron creando pola Costa da Morte: os dous citados, Vevey, Lausana (xa sei que é cantón aparte, pero está metido no medio). E aínda poderiamos engadir Nyon ou Monthey: este está algo máis abaixo, pero non moi lonxe.

De pequeno botaba de menos na escola un mapa de Suíza cos cantóns: os fillos de emigrantes (parroquias enteiras) falábanche de Berna ou de Zürich e ti só podías facerte unha idea vaga de como eran por algunha postal ou revista que che ensinaban, que asociabas ás matrículas dos coches no Nadal ou no verán. Sempre pensei que os que viñan de Lucerna (LU) ou Zürich (ZH) eran os mellores, pero esta afirmación non ten ningunha base científica.

En Vaud (VD) tivemos e temos moitos coñecidos, e nesas fotos que me mandan desta fin de semana vese a xente toda tranquila e sen máscara, e é inevitable comparar. Se os bares estiveran abertos como antes (alí seguen pechados, menos as terrazas), con barra libre para falar, sería tema de debate de como se tratan os problemas nun sitio ou noutro. Toda a vida se fixo: que se alí a limpeza, que se o ruído, que se o transporte público... Case sempre ían por diante e nós, pero non sei se no comportamento social co virus estaremos nós por diante. Vai e ben: xustamente en Vaud acaban de empezar a vacinar a todos os adultos, con todas as citas pedidas. Chégannos aínda hoxe antes estas novas que as que pasan, non sei, en Albacete.