A VIVA VOZ | A histórica agrupación de música e baile tradicional estará hoxe en Carballo e domingo en Caión. A través do programa Danza 3 tamén chegará Cantigas e Agarimos a Carnota, o 27 de agosto
16 jul 2021 . Actualizado a las 20:04 h.Xacarandaina, referente e salvagarda da música e baile tradicionais, terá esta fin de semana dúas paradas na Costa da Morte: hoxe, en Carballo (20.30, Rúa Jacinto Amigo Lera, entrada libre ata completar aforo), e domingo, en Caión (12.00). Chegarán no seo do programa Danza 3, do Agadic e o colectivo Xoc, ao amparo do cal actuarán tamén outras dúas formacións en quince concellos: unha delas é Cantigas e Agarimos, que, entre outras vilas, pasará por Carnota o 27 de agosto. Malia que o covid fixo difíciles os ensaios, non cesou nunca o traballo de Xacarandaina: se todo vai ben, estreará novo espectáculo na primavera do 2022. Polo demais, con corenta integrantes, a raíz da pandemia optou por facer tres grupos burbulla, que son os que están «xirando polo país». Así hai maior marxe de manobra. A Carballo acudirá un deles, indica Peón, o que ten no seu repertorio máis pezas bergantiñás.
-Volven a Bergantiños. É especial?
-Xacarandaina mamou moito desa comarca marabillosa que é Bergantiños, para min a máis rica en folclore tradicional de toda Galicia. Moito do repertorio que ten o grupo é sacado de recollas que se fixeron do patrimonio inmaterial desa zona.
-Corenta anos fixo Xacarandaina, no 2019, xusto antes de que comezase a pandemia.
-O tempo pasa que espelexa! Por sorte deunos tempos a facer un espectáculo no Teatro Colón, para conmemorar a data. Non obstante, a pandemia, a nivel de grupos folclóricos en Galicia, foi un golpe terrible, porque moitos deixaron de ensaiar, non a veces por culpa das asociacións ou dos seus compoñentes, senón porque en ocasións os locais que dependían dos Concellos, que precisamente están para axudar a cultura do país, pecharon as portas. Hai grupos que levan ano e pico sen ensaiar e despois de todo ese tempo é difícil retomar as cousas coma antes. Aquí quero reñir un pouquiño...
-Mensaxe lanzada. Que traerán á comarca nesta ocasión?
-En Carballo ofreceremos unha actuación de música e baile tradicional de todo o país, unha actuación de rúa porque o que levamos está inxerido en Danza 3, intervencións ao aire libre. No caso de Caión, irá só o grupo de música, non o de baile, en formato pasarrúas. Está moi ben levar o folclore ao escenario, porque hai que dignificalo e poñelo en valor. O folclore tradicional de Galicia foi a primeira arte escénica que se subiu a un escenario aquí: xa os nosos antigos facían concursos de baile e montaban palcos para bailar as parellas. Temos por tanto un percorrido. E xa digo, está moi ben, pero tamén está moi ben bailar na rúa, porque é o hábitat natural do folclore. Hai ese ti a ti, vendo como bailan, como tocan, os vestiarios de preto.
-Xacarandaina é falar de tradición, danzas, música, vestiario. Pero tamén teñen fusionado iso coas novas tecnoloxías, con espazos sonoros e audiovisuais...
-Marida moi ben. O que pasa é que, dependendo do espectáculo, ou se fai esa fusión ou non. Isto é culpa miña, que son o que os monto [ri]. Inflúe o que crea que hai que resaltar. Por exemplo, en Galizien Amerika Linie, non sei as horas que me pasaría vendo no CGAI da Coruña películas que gravaban os emigrantes de aquí e mandaban para alá e que os de alá mandaban para aquí. Con esas películas fixemos cinco audiovisuais que formaban parte do espectáculo: foi así porque me parecían importantes, e porque servían para o guión, pero noutros casos non.
-Podemos dicir que teñen a contemporaneización do baile tradicional como sinal de identidade?
-No meu caso, si. No de Xacarandaina, ten un papel, que é soster a tradición o máis pura posible. Hai un traballo etnográfico detrás moi importante, e despois unha posta en escena moi traballada, mimando as coreografías, porque en Galicia temos algo moi importante, que son as coreografías de conxunto, cousa que teñen moi poucos sitios e moi poucos bailes na Península Ibérica. Xa non falo das danzas brancas ou danzas gremiais, que isto si é común a toda Europa, pero nos bailes de divertimento, a nosa é unha riqueza extraordinaria. As nosas coreografías non as fai un coreógrafo, eu o único que fago é colocalas, senón que están aí, viñan de antigo, viñan da tradición.
-Carballo gozará logo dun espectáculo, case, autóctono.
-Case endémico, digamos. Hai cousas doutras partes de Galicia, pero alomenos cinco pezas de aí. Unha muiñeira vella de Seaia, un maneo de Breixo de Oza... Gustará.
-Como están sendo esta volta, divididos, ás actuacións?
-Deixamos de bailar cando así o houbo que facer, e logo volvemos divididos con todas as subdivisións posibles. Non deixamos de traballar por iso que dicía antes, porque logo retomar é complicado. Mantivémonos como puidemos, alugando salas máis amplas... Total, que funcionou ben: xa o ano pasado estivemos actuando, este tamén e, para o que vén teremos ese espectáculo novo no que xa estamos traballando, e que se chamará Endaterra. É un traballo sobre o Camiño Inglés, dende A Coruña ata Santiago, e de Santiago ata Fisterra-Muxía. Pasamos por 18 concellos e, coas recollas que se fixeron neles, é co que se conforma o groso do espectáculo, que é bastante teatral. Narra a historia duns peregrinos, neste caso dúas mulleres, que polo Camiño van atopando tradicións, bailes, músicas e xentes.