As mil facianas de Enrique Labarta Pose

X. Varela NO CONFÍN DOS VERDES CASTROS

CARBALLO

BASILIO BELLO

16 ago 2021 . Actualizado a las 16:40 h.

Agrosa e persistente chuvia que caeu no acto inaugural da exposición de Enrique Labarta Pose case non nos deixou disfrutar dela. Coma escapados, pouco atendemos ás palabras dos oradores e melodías do grupo de gaitas por estarmos máis atentos á apertura e peche de paraugas ca ás bondades alí expresadas.

Con todo gozamos de certo deste magnífico traballo que ben campa ó aire libre nas ourelas do río que viu nacer a Enrique Labarta Pose no mes das flores de 1863, xusto no ano en que Rosalía de Castro publica Cantares gallegos. Enrique Labarta veu ó mundo na máxica data do berce do Rexurdimento.

A presente exposición demostra algo que estamos fartos de repetir unha e mil veces. Labarta Pose é unha figura cultural de mil facianas. De igual maneira que hai unha interesada apropiación e interpretación da Rosalía folclórica, parece ser que non se quere valorar a importancia dun Labarta que vai moitísimo máis aló dos seus contos e poemas festivos.

E esta exposición é unha excelente oportunidade para recoñecer de modo claro os múltiples camiños creativos deste autor. Pouca marxe de erro teremos se dicimos que foi o máis completo e plural creador de toda a cultura galega do século XIX. Como ben podemos observar nestes catro paneis dobres, fóra dos trazos biográficos, debúllase aquí un percorrido polo Labarta poeta, narrador, dramaturgo, xornalista, fundador de xornais e revistas literarias, fotógrafo, pioneiro na introdución da fotografía na prensa, animador do entroido, tuno, troiano, gañador de ducias de premios literarios, introdutor do fonógrafo ao longo do país e norte de Portugal ou aférrimo defensor da lingua galega como se percibe no panel que pecha esta magnífica mostra.

Por parte dos oradores, comunicouse que esta sería unha exposición itinerante. Pasará o verán a carón das troiteiras augas do río Grande do Porto, onda a Carballeira de Baio (non ó pé dos Carballos da Botica) mais despois collerá rumbo a outras xeografías labartianas, que son moitas na Costa da Morte e tamén en Galicia ou no estado español.

Non sabemos se esa peregrinaxe consistirá nunha colocación sen máis ó aire libre nos espazos de recepción desta mostra ou levará aparellado un imprescindible servizo de visita guiada tan enriquecedor como o que nos brindou Jorge Mira nun momento de escampada. Tampouco estaría de sobra dinamizala con representacións teatrais de obras labartianas a cargo de Badius ou amenizala coas melodías creadas por grupos baieses que musicaron poemas seus. No caso de visitas escolares, non estaría demais manexar unha sinxela unidade didáctica que serviría para inserir con rigorosidade a actividade no currículo escolar.

En 1995 iniciamos un complicado traballo de recuperación da obra labartiana coa publicación da súa poesía, dos seus contos galegos (con Xosé María Lema Suárez) e do seu teatro galego (con Xosé María Rei Lema). Pero a pluma do autor de Millo miúdo aínda legou máis textos que cómpre rescatar. Nas palabras inaugurais de Jorge Mira e Manuel Muíño comunicouse que en breve se anunciarían máis iniciativas a prol da divulgación deste baiés ilustre. Agardámolas coma auga de maio e desexamos que algunha delas sexa proseguir nese camiño de rescate do legado literario e xornalístico labartiano.