Fodechinchos

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

22 ago 2021 . Actualizado a las 19:36 h.

Levo meses vendo publicacións sobre a falta de ética dos turistas. Dende subirse a monumentos protexidos, levar bivalvos dos areais ata, como non, desprezar o noso idioma. Penso eu en canto haberá de certo e canto forma parte do ideario dos estereotipos. Eu tiven a sorte de atender e falar con moitos estranxeiros este verán: madrileños, andaluces, franceses ou suízos, entre outros. Algúns deles teñen ascendencia aquí e regresar despois da pandemia, aínda que só sexan unhas semanas, é un sopro despois de tanta morriña. Normal que marchen os coches de matrícula suíza cargados de produtos da terra para intentar paliar a soidade tan lonxe da patria.

Das persoas que nunca viñeran a Galicia e coas que me crucei, só teño boas palabras. Sorpréndeme sempre esa curiosidade por querer coñecer a nosa cultura e eloxiar as cousas que a meirande parte de nós damos por feitas. Sempre se dixo que, acotío, ten que vir alguén de fóra para valorar o que un ten na casa ou a carón dela. Non creo eu que me topase con todos os turistas bos, nin polo contrario o resto do mundo cos malos. Eu coido que hai xente incívica, sexan galegos ou foráneos. A educación, como a min me ensinaron na casa, é o ben máis bonito que alguén pode ter e vai ligado á personalidade, non aos lugares que se visites. Os de aquí tamén somos as veces incívicos de carallo e facemos as mesmas cousas inadmisibles. Por todo iso, renego do termo pexorativo fodechinchos. Para min, é o mesmo tratamento coma cando en Hispanoamérica chamaban aos españois gallegos con inquina. Hai que facer respectar o noso pero non se pode pretender izar a comarca de servizos destinados ao sector terciario e ao turismo e renegar dos estranxeiros.