Beto Lorenzo: «O problema é adestrar. O circuíto de Bértoa deberíase explotar máis»
CARBALLO
Este piloto carballés de carcrós promoción alzouse co seu primeiro título nacional ós 20 anos en Lérida
05 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O mundo do motor está de noraboa na Costa da Morte. Despois de que o dumbriés Víctor Senra se proclamase pentacampeón autonómico de ralis o pasado sábado no Ourense-Ribeira Sacra, a comarca ten outro campión, neste caso nacional, trala última proba de autocrós celebrada en Lérida durante a fin de semana. O carballés Alberto Lorenzo Longueira, Beto (Razo, 2000), vén de conseguir ós seus vinte anos o seu primeiro cetro estatal na categoría de carcrós promoción. Compite coa escudaría carballesa Máis Motor subido a un Kincar.
-Como foi a fin de semana?
-Chegamos ao circuíto de Mollerussa con catro pilotos con opcións de gañar, polo que tivemos que tratar de facer os máximos puntos posibles. Lográmolo, de maneira que na final xa nos chegaba con acabar terceiros para ser campións xerais. Non houbo imprevistos. Na calificación quedei cuarto, nas dúas clasificatorias do sábado fun primeiro e, na última do domingo, terceiro. En todas as mangas saímos primeiros, pero tamén tivemos que correr bastante polos rivais, que viñan moi preto. A situación repetiuse na final, cunha quincena de pilotos na saída. Tras varias voltas vimos que Ferran Fornell, que era outro dos aspirantes ao título, nos alcanzaba. Deixámolo por así dicir pasar para non asumir riscos e quedar fóra, e resultamos segundos.
-E a tempada en xeral?
-Logrei cinco podios en sete carreiras, que eran as que había. Tres veces fun terceiro, unha primeiro, en Arteixo, e, nesta última, segundo. Quedei sen podio na primeira de Lérida por unha avaría nunha manga clasificatoria que nos levou a ser quintos, e en Carballo, iamos terceiros, pero sufrimos unha avaría na final e tivemos que abandonar.
-É o primeiro título estatal para vostede?
-Si. A nivel galego fun campión de karting no 2015 con 14 anos. Ganalo significa moita alegría para min despois de sufrir bastante esta tempada. Creo que é a recompensa a todo o traballo feito.
-Canto tempo leva competindo en carcrós promoción?
-Este foi o primeiro ano. Decidín saír nesta porque ao non ter moita experiencia en nacional era a máis adaptada ó noso nivel. Eu era dos pilotos máis novos. Para o ano, como quedei campión, sairei en carcrós.
-Foi chegar e arrasar. Esperaba estes bos resultados?
-Idea de gañar levabámola, pero ao final, cando vimos que tiñamos tantas avarías, non pensamos acabar tan ben.
-Como foi a súa introdución neste mundo?
-Dende moi pequeno fun ás carreiras de autocrós por meu pai, Alberto Lorenzo, Beto, que competiu en carcrós ata que no 2016 collín eu o relevo. A miña primeira proba foi no 2014 con 13 anos en karting. No 2016 empecei en carcrós júnior. No primeiro ano quedariamos subcampións de España, de non ser porque faltei ás dúas primeiras probas e ao final quitáronme todos os puntos por ese motivo. Seguín en júnior no 2017, e chegamos a ir primeiros no campionato nacional, pero por unha avaría nas últimas probas quedamos fóra. Gañei en Carballo. No 2018, saín xa en carcrós no campionato galego. Corrín poucas carreiras e quedei atrás. No 2019, máis do mesmo e fun terceiro. Nestes anos tamén probei en carcrós, nalgúns probas do estatal. E no 2020 estivo a cousa parada pola pandemia.
-E agora, que? Toca descansar ou seguir preparándose?
-Igual imos á última carreira do galego. Neste campionato, este ano só competín en Arteixo. Quería correr a de Carballo, pero non o fixen para non arriscar no nacional posto que iamos moi ben. Aquí o de adestrar é o único problema que temos. Só o facemos cando son os adestramentos previos ás carreiras que organizan, ou sexa que imos ás probas directamente. Tendo un circuíto en Bértoa, poderíase explotar máis.