Jorge Mira desvela que Labarta puido ter sido membro da Real Academia Galega
CARBALLO
A proposta, do 1920, quedou sen efecto por entenderse que, xa asentado en Barcelona, o escritor e xornalista non volvería a Galicia
04 nov 2021 . Actualizado a las 22:34 h.«Por ausencia definitiva fuera de Galicia del Sr. D. Enrique Labarta Pose, queda esta propuesta sin efecto. Coruña, 11 de febrero de 1921. El secretario Eladio Rodríguez González». Esta nota manuscrita atopada no reverso dun documento vén dar cadra de que, pese a que o escritor e xornalista baiés fora proposto para ser membro numerario da Real Academia Galega (RAG), non se chegou a materializar o seu ingreso ao estar en Barcelona e entender que xa non volvería a Galicia. Así o desvela o tamén baiés Jorge Mira nunha tribuna que vén de publicar, precisamente, no portal web da RAG.
Mira, académico correspondente e portavoz da Comisión Labarta Pose para o Día das Letras Galegas, recolle nese texto que o 17 de xullo do 1920 tivo lugar unha xuntanza ordinaria do plenario da Academia na que se daba conta do falecemento de Ramón Armada Teijeiro, o cal incoaba o proceso natural de nomeamento dun novo académico. Tres días despois, o 20 de xullo, Eladio Rodríguez González, Francisco Tettamancy e Manuel Lugrís Freire asinaban un escrito coa proposta de Labarta Pose para cubrir esa vacante: «Ilustre escritor e poeta laureado que tanto ten traballado polo rexurdimento das letras galegas», xustificaban na candidatura. «Era a consecuencia do gran prestixio que gañara o enxeñoso creador da Costa da Morte, e que mantiña malia as súas longas migracións por España adiante», describe Mira, que incide na admiración que lle tiña Curros Enríquez e a intelectualidade do momento, un sentimento «do que tamén bebían membros da RAG», como se constata nesas palabras.
Seguindo no 1920, pero o 2 de setembro, Andrés Martínez Salazar, Jaime Ozores de Prado e, de novo, Eladio Rodríguez, asinan un escrito coa proposta de Ángel del Castillo para cubrir a praza que deixara o falecemento de Armada Teijeiro. Por que este cambio? A resposta está nesa nota manuscrita no reverso do documento asinado o 20 de xullo, atopado por Jorge Mira con axuda de persoal da Real Academia Galega. «Un detalle histórico moi interesante sobre a figura de Labarta», sopesa.
No 1921 no que se escribiron a man esas verbas da «propuesta sin efecto», Labarta xa estaba plenamente asentado en Cataluña (falecería no 1925). A distancia coa terra, vese, íalle pasando factura, unha situación que aínda iría a máis logo da súa morte, escribe Jorge. Non foi así en Barcelona, lembra, «como demostra a multitudinaria homenaxe que se fixo no coñecido barrio de Gràcia, Barcelona, en 1951, co gallo do 25.ª aniversario do seu pasamento». O proceso da proposta de Labarta como académico pechouse o 12 de febreiro do 1921, na xuntanza ordinaria do plenario, que foi onde se deu conta da candidatura do nomeado Ángel del Castillo. Xusto hoxe, por certo, no colexio baiés que leva o nome deste ilustre veciño Labarta, inaúgurase unha mostra sobre a súa vida, figura e obra, promovida polo Concello de Zas.