Claros e escuros

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

20 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño un amigo que ten depresión diagnosticada dende hai anos, con recaídas, días bos e outros peores. O outro día, pregunteille como estaba e díxenlle que se animase. Corrixiume e comentoume que era a peor resposta que se lle pode dicir a unha persoa con este padecemento. Ten razón por antonomasia. Como podo eu dicirlle que se anime cando non é algo que dependa del, cando a curación da enfermidade non está supeditada á vontade? Como lle podo falar así cando leva anos medicándose por varios psiquiatras e múltiples fármacos para aumentar niveis coma os da serotonina? Partiríame a alma saber que un día teña un final coma o de Forqué. Que os días escuros superen demasiado os días de luz, que unha palabra miña o faga esvarar nesa liña feble que separa a percepción que temos do mundo á par da realidade. Só me queda facerlle ver que estarei sempre ao seu carón, dándolle palabras de alento, de maneira pública e privada. Non estás só, nunca o estarás. As enfermidades mentais carecen do respecto necesario, entoo o mea culpa. En todas as nosas vilas, queda un ronsel de persoas que coñecemos e tiveron un final tráxico. Persoas que nunca imaxinamos que tiñan problemas ata que apareceron mortas nun pendello, no seu cuarto ou nas escaleiras do fogar pendurados. As miñas palabras son duras, a veracidade dos feitos que conto aínda o son máis. A meirande parte de nós, segundo a ciencia, terá pensamentos suicidas ao longo da nosa vida. O primordial nese momento será saber que teremos axuda recíproca, un feedback da familia e os amigos para poder curarnos e estar sans. En corpo e alma, en sentimento e carne.

Xa dicía Saint-Exupéri no Principiño que, acotío, o esencial é invisible aos ollos.