«Sogama posiciona a Galicia como unha das rexións europeas máis verdes»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XOAN A. SOLER

A xestión do complexo acaba de adxudicarse ata o 2032 por 238 millóns

30 ene 2022 . Actualizado a las 21:25 h.

Para a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, Galicia vai un paso adiante. Está convencida e así o expresa á hora de analizar as medidas implantadas e os proxectos nos que, desde o departamento autonómico, vén traballando nos últimos anos. «Eu dígoo sempre e cada vez percátome máis, sobre todo cando viaxo. Temos que estar moi orgullosos dun complexo que se creou hai moitos anos como é o de Sogama e que nos permite posicionarnos a nivel europeo como unha rexión das máis verdes e que fai un dos tratamentos máis exhaustivos dos seus residuos».

—Acabase de adxudicar, por 238 millóns de euros, a xestión das plantas desde complexo medioambiental. ¿Que supón?

—Sogama conta cunha tecnoloxía que é moi complicada, centrada, tal e como manda o Pacto Verde Europeo, no que implica reciclar. Hai moitos materiais que aínda non se pode reciclar e, polo tanto, de non ter unha planta de coxeración, de non ter unha planta termoeléctrica acabarían no vertedoiro que é o último paso que lle podemos dar aos nosos residuos. Pero temos a Sogama e, cada dez anos, realizamos un concurso onde moi poucas empresas cumpren as condicións para poder levar a xestión destas plantas. Dúas delas son a de coxeración e a termoeléctrica. Son 238 millóns de euros e dez anos de xestión nos que incorporamos dende robótica ata cámaras termográfica que fan un control da calidade do aire e dos residuos de maneira que cada vez sexamos máis eficientes. Por poñer un exemplo, a valorización que facemos dos nosos residuos dá un combustible que denominamos CDR. A través doutra xestión, ao final dá como resultado que xeremos o 12% da enerxía que se consume nos fogares galegos. E grazas a todo isto, máis do 90% dos concellos levan os residuos sólidos urbanos ao complexo de Sogama. Non temos vertedoiros, eliminámolos integramente e temos un control da situación.

—No tocante á rede de valoración da materia orgánica, ¿cales serán os próximos pasos a dar?

—Temos dous anos de moitísimo traballo nos que temos que apuntar moitas datas e unha é o 31 de decembro do 2023. Nese prazo hai que ter todo preparado de maneira que non haxa ningún concello galego que estea a máis de 50 quilómetros dunha planta de compostaxe, de biorresiduos ou de transferencia. E para iso estamos arbitrando os distintos sistemas. Por un lado, facendo grandes plantas de biorresiduos como é o caso das de Vilanova, Cervo ou Verín. A esas hai que sumar a propia de Cerceda, a onde algúns concellos xa comezaron a levar os seus biorresiduos. Ademais, Galicia sacou a primeira compostaxe certificada, que os propios concellos utilizan para os seus xardíns ou para as súas hortas. E por outro lado, temos que habituarnos a ter un contedor doutra cor. Ata o de agora, tiñamos catro e agora imos ter cinco. O quinto e o de cor marrón e será onde os galegos teremos que depositar os restos de comida, de verdura, froita, ou poda. E, a partir de aí, facer o tratamento para ter ese produto, mineral que despois volvemos a utilizar na nosa terra.

—¿Que medidas artellaron para axudar aos concellos?

—Habilitamos partidas para os que pidan o contedor marrón, compostaxe individual ou comunitaria e biotrituradoras. Xunto con isto están as bolsas específicas para levar a eses contedores. Pero tamén temos que empezar a separar o téxtil. E tamén os contedores para aceite usado. A partir de agora temos que telo si ou si.

—Os fondos europeos, ¿que repercusión terán na xestión de residuos?

—Non hai todas as partidas que nos gustaría e por iso fixemos alegacións. Pero, sobre todo, cremos que hai que seguir avanzando no que supón ter emprego verde. Estanse presentando distintos proxectos ante o ministerio, un en concreto crearía 300 empregos. Nisto hai algo fundamental que impulsa a Xunta e que implica que todo o que se recicle se faga na propia comunidade, que non haxa turismo de residuos.