Éxito ou melodrama

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

08 feb 2022 . Actualizado a las 01:15 h.

O último reality de Netflix comeza cunha frase: eu sei o que é ter todo e o que é non ter nada. Trátase da serie da influencer Giorgina Rodríguez, que versa sobre a súa vida privada, a relación que ten co futbolista Cristiano Ronaldo. Abofé que, a oídos da persoa que escoita a introdución do documental, semella unha historia de superación inaudita, unha persoa que pasa de nada a todo, como Amancio Ortega de vender batas con Rosalía Mera a crear o imperio de Inditex.

Despois, pensando friamente vexo unha historia de amor, seguramente verdadeira, pero que non encarna superación persoal algunha. Gio é unha moza que a partires de vivir un idilio cun personaxe relevante obtén unha vida cunhas posibilidades económicas superiores. Non hai máis. Retratase unha moza que tivo que facer varias veces quendas dobres para poder subsistir, que tivo que vivir nun piso pequeno e sen comodidades. Sexamos coherentes. Cantas persoas non buscan un futuro mellor e teñen que pasar polas mesmas circunstancias? Gústannos demasiado as historias felices, o Grey que lle compra vestidos de Gucci á vendedora de Massimo Dutti. Ansiamos esa figura que nos recolla en Bugatti á saída do traballo e esquecemos que as mulleres debemos brillar con luz propia e non pola etiqueta «muller de».

Para min éxito é chegar a ser quen queira ser sen axuda e intermediación de terceiros. Non fomentar ese amor polarizado, pouco equiparado entre as partes e machista, que fomenta entre outras cousas a xestación subrogada. A escravitude dos novos tempos que predicía tan ben Margaret Atwood nos seus libros. A serie está rompendo récords nos 190 países que a emiten. Despotismo absoluto engalado de clase obreira e sacrificio.