GENTES DEL FINIS TERRAE | Con raíces na comarca, a actriz integra o reparto da aclamada película «Maixabel», con 14 nominacións a estes premios e, finalmente, tres galardóns
16 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Na gala dos Premios Goya, este pasado sábado, scoitouse o seu nome. Ela levou a Costa da Morte á noite na que se festexa a excelencia cinematográfica española. Tamara Canosa (A Coruña, 1983), con nai de Sardiñeiro (Fisterra) e pai de Camariñas, moi ligada tamén a Cee, integra o reparto da película Maixabel, que concorría aos galardóns con 14 nominacións. O filme levou, finalmente, tres Goya: o de mellor actriz protagonista para Blanca Portillo, o de mellor actor de reparto para Urko Olazabal, e o de mellor actriz revelación: María Cerezuela. Na cinta, Tamara dá vida ao personaxe Esther.
«Todo un orgullo participar nesta película, que é un peliculón, seríao aínda que non tivese levado ningún Goya. Tiven moita sorte de estar nela, Maixabel foi para min un deses regalos que che dá a vida de vez en cando», comentaba este luns Canosa. Maixabel leva á gran pantalla a Maixabel Lasa —presente na gala, ademais—, viúva dunha víctima de ETA. Once anos despois do asasinato, recibe unha petición insólita: un dos homes que mataron ao seu home demanda entrevistarse con ela na prisión de Nanclares de la Oca, en Álava.
Tamara Canosa alude ao «ambiente» tan especial que se viviu na rodaxe, non só por ter sido gravada en plena pandemia. Todos di, eran conscientes de que estaban a tratar un tema duro, de formaren parte dunha película «que abría un melón moi complicado». «As rodaxes soen ser momentos de compañeirismo, de ledicia, pero en todo momento estivo tocada por este matiz, o seu grande valor. Ter algo tan importante entre mans fixo que a todos nos unise algo especial», rememora a actriz. Non deixa de mencionar, dende logo, o ter formado parte dun reparto no que, entre outros, estaban Luis Tosar ou Blanca Portillo, nin tampoco á directora do filme, «de primeira liña»: Iciar Bollaín. «Por tanto, unha combinación moi intensa e apetitosa, da que o resultado está aí: un peliculón», incide Tamara.
Blanca Portillo @bpmdv recoge el Goya a Mejor Actriz Protagonista. Aquí puedes volver a ver su discurso #Goya2022 pic.twitter.com/t2eRezy5BM
— Premios Goya (@PremiosGoya) February 13, 2022
Presentaron Maixabel, lembra, na sección oficial do festival de San Sebastián: «Ver o público do Kursaal en pé, recoñecendo a película e a historia... foi un dos momentos máis emotivos da miña vida», asegura. Ao filme chegou nunhas circunstancias excepcionais e cun cásting que tamén o foi, motivado pola situación sanitaria que había: no seu caso, mediante videoconferencia.
«Cigarreiras»
Tamara non puido estar na gala dos Premios Goya. Viña de estrear no teatro o día antes en Avilés e, cun pequeno de tan só dous anos, conta, «xa sería demasiado tempo fóra da casa». Os Goya para Maixabel foron en todo momento recollidos mencionando o «equipo», o que ela atribúe, precisamente, a ese «algo» tan particular que se xerou no filme. A estrea que menciona Tamara non é outra que a da versión en castelá de Cigarreiras, a adaptación que Cándido Pazó fixo dunha obra referencial de Emilia Pardo Bazán, La tribuna, dando vida ás mulleres da Fábrica de Tabacos da Coruña que protagonizaron unha histórica folga a mediados do século XIX.
É pois en Asturias onde Contraproducións, a compañía, vén de iniciar unha xira por toda España que levara ás actrices da obra —Susana Dans, Merce Castro, Isabel Naveira, Covadonga Berdiñas, Ana Santos e Ledicia Sola, ademais de Canosa— a moitos diversos puntos: dende Barcelona a Córdoba, e mesmo Ceuta. Preséntanse datas moi intensas para esta actriz, porque a iso hai que engadir os «bolos» que aínda quedan coa función en galego. Pasaron xa, con fantástica acollida, por moitas localidades, pero restan Narón, Muros ou Monforte: «E seguramente algún máis que irá saíndo». Cigarreiras ten, en realidade, moito de Carballo, pois nunha especie de residencia, o último empurrón antes da estrea da obra —setembro do 2021— foi na capital de Bergantiños. Pasou logo polo 30.º Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) e con tremendo éxito, posto que se alzou co Premio do Público, como ben lembra Canosa. Seguen obtendo moi boas críticas con ela.
Non é un mal momento profesional para Tamara, nese oficio que ten definido como «bendición maldita»: «Estou moi agradecida por todo, a verdade». A pandemia freou as visitas que pode facer á comarca e, particularmente, a Cee, onde a casa de súa irmá era como «a base»: «Pero cando me preguntan de onde son, digo que da Costa da Morte».