Matinando arredor de Rosalía

xosé pumar Gándara

CARBALLO

Rosalía de Castro
Rosalía de Castro Real Academia Galega

A poetisa forma parte do Rexurdimento xunto con Pondal e Curros Enríquez. Escribe Xosé Pumar Gándara

05 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabida de certo agora a data do seu nacemento (23/2/1837), xurde un interese anovado pola nosa emblemática escritora. Benvido sexa este movemento. Cousa boa sería que todos aportásemos algo que chegásemos a coñecer.

Aquela María Francisca Martínez, fiel serventa da nai de Rosalía, que fixo de madriña no bautizo da nena, era natural da aldea de Raíndo, na parroquia de San Xoán de Campo, no Concello de Trazo. De conversas con don Andrés, párroco de Campo, tivemos noticia de que a devandita María Francisca pertencía a unha familia con situación semellante á que agora vía na nova bautizada. Comprendía ben, pois, as tristes realidades humanas.

Sobre a paternidade de Rosalía rexe comunmente a noticia e comentarios que Bouza Rey deixou en diversos artigos de Cuadernos de E.E. Gallegos, non hai moito reeditados nun libro conxuntamente. Contra esa convición xeneralizada de que o pai era José Martínez Viojo, aparece a opinión de José A. Durán, escritor e investigador pontevedrés que, en artigo publicado en El Correo Gallego (1/12/2009), defende que o pai foi un familiar que frecuentaba o pazo de Arretén. Quizais apelidado Castro.

A partida de bautismo de Martínez Viojo estaba no arquivo parroquial de Ortoño, onde foi bautizado. Pois ben. Un investigador chegou por alí, o señor cura-párroco, ocupado nas cousas da igrexa porque viñan as festas do San Xoán, patrón, deixou ó investigador co Libro de Bautizos correspondente. Foi máis adiante cando don Manuel Campos volveu examinar aquel libro e viu que faltaba, fora arrancado o folio no que constaba a partida de Martínez Viojo.

Quen queira coñecer tal partida hoxe pode vela en Escritos rosalianos de Carballo Calero. Está literalmente.

CARLOS MASIDE

Admitida está a presenza de Rosalía, nena, en Castro Ortoño. Non así a de Bastavales, cando o poema Campanas de Bastavales declara a morada de Rosalía nesa parroquia. A descrición xeográfica e etnográfica, mesmo a intimidade sentimental de Rosalía proclama abertamente a súa estancia e saudade por Bastavales.

Sitúan a casa onde ela parou, sequera unha tempada, na aldea de Soigrexa, en casa que foi propiedade de don Benito Sebe, natural de Bastavales, médico de Rois (onde lle erixiron unha estatua), finando en Francelos-Ribasar aló por 1962. Quen queira pescudar sobre iso ofrecémoslle esta liña. Un sacerdote, de apelido Noya, da aldea de Romarís, en Bastavales, foi párroco de Santa María de Conxo, tras a Exclaustración. Compañeiro e amigo de Martínez Viojo, puido facilitar a estancia de Rosalía en Bastavales.

Bouza Rey infórmanos da presenza de Rosalía en Conxo. Alí sitúa ela a súa novela El primer loco. Sería alí onde Rosalía conversaba co seu pai? Temos oído a Bouza Rey que Martínez Viojo tivo un comportamento leal con Rosalía, mesmo quixo facer testamento en favor dela, pero isto era impedido polo ambiente da época. O pai Gumersindo Placer Pérez, mercedario, de Pontedeume, salienta a devoción de Rosalía pola Virxe da Mercé. Mesmo preto de Castro Ortoño hai unha capela, en Lapido, dedicada a esta devoción.

Rosalía, moza culta, tocaba piano e declamaba poemas no Liceo de la Juventud de Santiago. Don Paulino Pedret gardaba uns folios que foran lidos pola poetisa en tal ocasión. 

Xosé Pumar Gándara, autor destas liñas
Xosé Pumar Gándara, autor destas liñas ANA GARCÍA

Rosalía era curmá de nai de Pérez Lugín. Camilo José Cela en La Rosa di que «Pérez Lugín y Rosalía eran curmáns segundos». Caamaño Bournacell escribiu dúas obras importantes sobre este parentesco: El linaje de Rosalía de Castro e Ficción y realidad en la Casa de la Troya, resumindo unha conferencia do autor en 1959. Bournacell amosa un coñecemento perfecto dos antepasados de Rosalía. Aporta árbores xenealóxicas e testemuñas de xentes de Padrón. Defende que a Carmiña Castro Retén da novela é a propia Rosalía de Castro. José Antonio Durán, en artigo publicado en La Voz de Galicia (4/12/1988), defende que a devandita Carmiña é en realidade Carmen López Carballeira, que foi monxa e educadora en Vigo. Finou o 18 de marzo de 1938.Tiña 73 anos de idade, e 50 deles de vida relixiosa.

En Padrón e Santiago temos constatado que Camiña Castro Retén foi Carlota Orense Navarrete, natural de Sevilla. Tiña unha irmá, Cristina. Quedaron orfas con apenas 4-5 anos. Ingresaron no Colegio de Huérfanas Militares de Guadalajara, ata a súa chegada a Padrón. Carlota morreu en 1960 no colexio da Ensinanza de Santiago, actual Compañía de María. Pérez Lugín chegou deica alí para disuadila. Contan que era moi amable, estaba na portería. As alumnas do colexio recordábanlle a súa vinculación coa novela La Casa de la Troya. Ela sorría. Hoxe aínda hai en Padrón lonxanos familiares de Carlota.

Finalmente, aportariamos aquí unha idea do gran escrutador de todo o que se refire a Rosalía, como foi Bouza Rey. Témoslle oído falar das «amizades» non regulares que frecuentaba Murguía. Observa Bouza, que o «Castro» que chega a Rosalía procede dos Bermúdez de Castro, que tiñan o seu castelo en Lestrove (Benza-Trazo) Aquí exercían o seu señorío sobre Dubra, Montaos. Tamén chegaron a Padrón.

Pois ben. Ao servizo destes Bermúdez de Castro veu un mestre desde Castela para exercer en Benza. Aquí casou. Era un tal Pomar. Algún descendente seu pasou á próxima parroquia de Buxán. Por razóns de proximidade fonética o apelido Pomar mudou en Pumar. Vén sendo o apelido que sobreeleva este escribidor.