Cando as pedras falan

Vicente Feijoo Ares

CARBALLO

XAIME RAMALLAL

EN PRIMEIRA PERSOA | Escibe Vicente Feijoo Ares | A miña paixón polos litotopónimos está nos anos de pastoreo polas serras. Galicia é unha gran pedra de granito na que se esculpe a nosa cultura

20 nov 2022 . Actualizado a las 21:13 h.

Galicia é especialmente rica en topónimos, isto é, os nomes de lugar que identifican cada recuncho da nosa terra e do noso mar. Cada nome conta unha historia vivida e falada, a historia das persoas que durante séculos traballaron e habitaron un espazo, individualizándoo, caracterizándoo e humanizándoo. De aí que a toponimia galega represente un ben excepcional do noso patrimonio cultural inmaterial, porque xera coñecemento sobre a lingua falada en cada parte do territorio galego, sobre os modos de vida e de interpretar a paisaxe dos nosos antepasados, sobre as crenzas e as tradicións que sustentan a nosa cultura. Tamén esperta a curiosidade e as emocións das persoas dentro e fóra de Galicia e fainos únicos no mundo pola súa cantidade, variedade e antigüidade.

Levo 22 anos traballando cos nomes da nosa terra e podo asegurarvos que se converteu nunha verdadeira paixón para min, máis ca nun traballo. Quizais xa estaba predisposto e destinado a dedicarme a isto cando desde pequeno sentía tanta curiosidade por aqueles nomes que tiñan os prados aos que me mandaba meu pai coas vacas: As Fontiñas, A Salgueira, Cardedo, A Rañoá, As Corvaceiras, A Arzá… Despois de licenciarme como filólogo, puiden descubrir a motivación que hai detrás de cada un destes topónimos. Son nomes que aprendemos desde ben pequenos e que levamos toda unha vida na memoria e no corazón, nomes aos que nos une un forte sentimento de afectividade e identidade.

Ao longo de todos estes anos levan pasado por diante dos meus ollos milleiros de nomes de terras, penedos, fontes, regueiros, cons, baixos, praias... a cada cal máis curioso, interesante e fermoso. Nunca deixarei de sorprenderme con algúns dos topónimos que diariamente entran na plataforma do proxecto colaborativo Galicia Nomeada para a salvagarda e difusión da microtoponimia galega e da tradición oral asociada a ela. Pero hoxe quero falarvos soamente dunha póla desta inmensa e vetusta carballa que é a toponimia, da litonimia. Para que nos entendamos, trátase dos nomes que teñen as pedras en Galicia, non só as do interior, senón tamén as do mar, cuxa temática e motivación é ben semellante: As Tres Irmás, O Can Doente, O Con Gallado, A Pena Fendida, O Penedo Torto, A Pedra Dourada, A Pena que Tanxe, A Pena Cabalgada, A Pedra das Ferraduras, O Niño do Franxo, A Laxe de Rozacús, A Pedra do Reló, A Cama do Demo, O Penedo das Verrugas, O Penedo da Nosa Señora, A Pena Meiga, O Forno dos Mouros, A Pía da Moura, A Pena do Encanto, O Coto do Ladrón, A Pena dos Namorados...

MARTINA MISER

O xermolo desta paixón miña polos litotopónimos, que me levou a facer a tese doutoral sobre esta materia (iso si, vai con calma), está na gratificante e didáctica experiencia que tiven durante os tres anos (2000-2003) que andei pateando con pastores as serras de varios concellos do sueste ourensán para recoller a súa microtoponimia. Concretamente, estou a falar das terras do concello do Riós (a miña terra natal), A Gudiña, A Mezquita, Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Vilardevós e Castrelo do Val, ademais dalgunhas zonas arraianas de Tras-os-Montes (Portugal) e de Hermisende (Zamora). Con eles descubrín un mundo singular e interesantísimo no que as pedras cobran especial protagonismo, ata o punto de seren os elementos de referencia na montaña máis nomeados.

Galicia é unha gran pedra de granito na que se esculpe a nosa cultura. Para os galegos, as pedras son algo máis que o mineral sólido que se atopa de forma natural na superficie ou no interior da terra. Nas nosas rochas late o misterio. Por iso, moitas delas espertaron o interese dos nosos antepasados ata o punto de bautizalas con nomes que responden a motivacións de todo tipo: desde as súas características físicas, o estado no que se atopan, as súas propiedades, a súa funcionalidade, ou co simple afán de buscar unha explicación racional a algo que eles consideraban sobrenatural.

As pedras falan de historias de vida, de acontecementos históricos, de costumes, de pensamentos, de historias de amor e de odio, de modos de interpretar a relixión e as crenzas no momento histórico no que se lles puxo nome. Ademais, as nosas pedras son máxicas, son quen de curar enfermidades, de propiciar a fecundidade ou de adiviñar o futuro. Precisamente, a litolatría (o culto ás pedras) é unha das características máis singulares da nosa identidade como pobo, un culto propio dos celtas que perviviu practicamente ata os nosos días, a pesar dos intentos continuados de erradicalo por parte da Igrexa desde a Idade Media.

Vicente Feijoo, na Fundación Pondal
Vicente Feijoo, na Fundación Pondal BASILIO BELLO

As nosas pedras tamén son literatura, pois agochan no seu interior relatos de heroes esquecidos e de seres lexendarios, un mundo mitolóxico poboado por mouros, mouras, xigantes, encantos, serpes xigantescas, trasnos, demos e moitos santos que loitan contra todos eles, especialmente o patrón de Galicia, o Santiago Apóstolo.

De todo isto e máis, tamén falan as pedras da Costa da Morte. Poderiamos ocupar ducias de páxinas citando as máis coñecidas e famosas en cada concello. Por citar algunhas, comecemos polas pedras que agochan a Tumba da Orca Vella ou a Cama de San Guillerme en Fisterra. E que dicir das pedras do olimpo celta, do Monte do Pindo, como Penafiel, A Cova da Xoana ou Revertedemos, O Outeiro do Tambor, O Xigante da Mina... Saltamos a Muxía para sandar das nosas doenzas en pedras milagreiras como A Pedra de Abalar ou A Pedra dos Cadrís no santuario da Nosa Señora da Barca.

Ana Garcia

Entre Laxe e Vimianzo temos unha galería de arte ao aire libre con esculturas modeladas pola natureza nos Penedos de Pasarela e Traba, eses tan mencionados na poesía de Eduardo Pondal, destacando entre todos eles a Igrexa dos Mouros na Torre da Moa ou A Pena Gallada. Figuras humanas ou de animais tamén atopamos nas pedras de Camariñas, velaí están A Pedra dos Namorados e A Pedra do Oso en Reira, que afortunadamente volveu ao seu lugar de orixe. En Ponteceso intentaremos liberar as serpes que o Santo Adrán sepultou baixo a Pedra da Serpe de Gondomil se conseguimos levantar esa fermosa pedra insculturada, e se nos achegamos ás rochas do Roncudo descubriremos a motivación sonora deste topónimo que identifica os cantís onde medran os mellores percebes de Galicia. Por Vimianzo, Zas, Dumbría, Cabana de Bergantiños... atopamos construcións megalíticas cuxos nomes fan referencia aos seres míticos que os construíron segundo a imaxinación popular: A Fornela dos Mouros, A Arca da Piosa, A Pedra da Moura...

Que fartura e que riqueza cultural! Pero aínda quedan moitas páxinas por escribir das historias das pedras da Costa da Morte que non temos rexistradas no proxecto colaborativo Galicia Nomeada. Rexistrémolos, salvagardémolos entre todos, devolvámoslle a voz ás pedras para que sigan falando do pobo galego durante moitos séculos máis.

Dni

De Riós, Ourense, está licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa. Leva media vida dedicada á análise da toponimia galega.