A visita que o presidente do Centro Galego da Habana fixo a Artón, Zas, en 1908

xosé maría lema

CARBALLO

Parroquia de Vilar
Parroquia de Vilar EVARISTO DOMÍNGUEZ

Pese a que nas actas do Concello non consta tan ilustre visita, José López Pérez chegou á aldea natal do seu pai un día como hoxe, hai 114 anos

08 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai hoxe xustamente 114 anos, o 8 de abril de 1908, La Voz de Galicia informaba que se preparaba no lugar de Artón (Vilar-Zas) un «entusiasta recibimiento» a José López Pérez, presidente do Centro Galego da Habana que embarcara neste porto para acompañar o cadaleito co cadáver do poeta Manuel Curros Enríquez, que falecera na capital cubana o 7 de marzo anterior. No libro Zas polo miúdo (pp. 191-194), Xosé Mª Rei Lema botounos unha man e encargouse de redactar un resumo da vida deste personaxe tan pouco coñecido na comarca, e darlle o valor que merece.

A que se debía a querenza de López Pérez polo lugariño de Artón se nin sequera nacera nel?

Pois debíase a que de Artón era o seu pai e nel pasara José —que nacera en Madrid en 1872 (o seu pai era militar)— parte da súa infancia xunto á súa avoa paterna. Xa emigrado definitivamente en Cuba, xunto co seu pai, acaba facéndose avogado e empeza ocupar cargos na colectividade galega, ata que en 1907 foi elixido por unanimidade presidente do poderoso Centro Galego da Habana. Isto motivou a oposición radical do poeta Curros Enríquez, tamén emigrado nesta cidade, que non o recoñecía como presidente por non ter nacido en Galicia.

A presidencia de López Pérez —por quen o poeta xalleiro-cubano Pepe de Xan Baña mostraba grandes simpatías— coincidiu cun dos momentos máis gloriosos do Centro Galego e, por ende, de grande importancia para a historia contemporánea de Galicia, pola influencia que tiveron as iniciativas dos emigrantes en Cuba.

En primeiro lugar, fixéronse xestións para a compra do edificio do Gran Teatro Nacional (o Gran Teatro Tacón) para sede social do Centro Galego, e colocouse a primeira pedra (8 de decembro de 1907) do edificio ó pouco de acceder José López á presidencia; a súa muller, Ramona García, foi o madriña do acto, ó que asistiron as principais autoridades cubanas (ministros, o bispo da Habana, membros do corpo diplomático, entre outros).

Doce días despois, o 20 de decembro, José López tería a honra de presidir a solemne estrea do Himno Galego no citado teatro deste edificio, interpretado pola Banda Municipal da Habana. Tamén formara parte da comisión promotora da que logo sería a Real Academia Galega, da que foi membro correspondente.

A pesar das súas diferenzas co poeta Curros embarcou na Habana, xunto co seu pai, para acompañar o cadáver do poeta, que quixera enterrarse na Coruña, cidade que o idolatraba. O barco chegou ó porto coruñés o 1.º de abril de 1908, e o enterro, multitudinario, sería ó día seguinte. Na comitiva presidencial estaba José López, a quen lle coubo o honor de fechar o acto que en lembranza do vate de Celanova se celebrou o día 3 de abril en María Pita, na Casa do Concello coruñés, no que tomaron a palabra próceres da categoría de Manuel Murguía, Manuel Lugrís Freire e Linares Rivas.

Ós autores de Zas polo miúdo —Evaristo Domínguez e quen subscribe— chamounos a atención que nas actas do Concello de Zas non apareza ningunha referencia á sonada visita de José López e do seu pai ó lugar de Artón, dado que, segundo a prensa, se anunciaba un recibimento entusiasta. O lóxico é que a visita non se limitase á aldea vilaresa e que tamén fosen recibidos os ilustres visitantes polo alcalde e toda a corporación municipal.

Esperemos que o recordo desta efeméride sirva para valorarmos na súa xusta medida este persoeiro que demostrou estar orgulloso das súas raíces nunha modesta aldeíña soneirá.