María Costas, actriz: «Nada será suficiente para parar esta gran hecatombe medioambiental»
CARBALLO

Ecovoz | A actriz reflexionou en Radio Voz sobre os seus hábitos para coidar o medio ambiente e sobre a situación actual
02 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Explica que, «por idade fun hippy nalgún momento», algo que a actriz María Costas describe como «unha conciencia anticipada». De feito, decenios atrás, lembra que, nas reunións cos amigos, xa se anticipaban preguntándose «canto tempo lle quedaba ao noso planeta».
—Iso chámase ser toda unha pioneira neste tema.
—Pois si, porque estou falando de que esta conciencia ecolóxica anticipada foi cando tiñamos uns 18 anos. Agora fago o que podo, aínda que seguramente non será suficiente porque creo que xa nada o é para parar esta gran hecatombe.
—E xa na actualidade, no día a día, que fai?
—Eu vivo en Pontevedra e hai uns anos instaurouse o programa de compostaxe, déronnos uns de miniatura e temos unha tarxeta para ir ao contedor. Tamén me aplico co plástico e separo papel, cartón e todo iso.
—Á hora de mercar, pásalle iso de esquecer a bolsa de tea?
—Eu estou organizada, teño as miñas bolsas e intento ir menos veces. Pero se iso me acontece, hai bolsas de papel que despois veñen moi ben para recoller o papel e o cartón ou para reutilizalas doutra maneira. O que hai que facer é ter conciencia do importante e urxente que é para nós, pero sobre todo para as futuras xeracións.