ECOVOZ | A cantante e actriz pontevedresa foi voluntaria nas praias con tan só nove anos
09 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Dende moi nova amosou ter unha gran conciencia medioambiental. Así o recoñece a cantante e actriz Cora Velasco. A pontevedresa sinala que «foi unha herdanza, sobre todo, de miña nai, pero tamén de meu pai». Realmente, engade, «cando non dou o máximo de min nese aspecto, síntome mal».
—Xa é como unha obsesión, como un compromiso?
—Son capaz de levantarme e saír da habitación para rematar algo do que me lembro ou que deixei para outro momento porque non me quedo tranquila. A verdade é que o teño presente, non me custa e doume conta de que con ese tipo de accións estou facendo algo ben.
—De nena, polo que conta, xa era así.
—O certo é que si, porque meus pais sempre foron moi coidadosos e sempre nos ensinaron moi ben a miña irmá e a min. Desde non tirar ó lixo nunca en ningún sitio que non sexa un contedor, a de nenas incluso a non lavarnos con auga da ducha na praia porque é absurdo, ou a non deixar as luces prendidas na casa.
—Algún momento especial que marcou a súa vida?
—Lémbrome do desastre medioambiental do Prestige. Eu tiña nove anos e apunteime con miña nai a limpar as praias. Sempre estivemos moi concienciados. Foi horrible e o primeiro que fixen foi facerme socia de Greenpeace.