Continúan as actividades en torno ao 17 de maio
19 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Continúan as actividades relacionadas co galego nesta semana das Letras. Ata o auditorio carballés, sen ir máis lonxe, chegaron onte arredor de 300 escolares e docentes de diferentes centros da zona para gozar dun animado concerto de Mekánika Rolling Band con motivo do Correlingua. Asistiron o IES Agra de Leborís larachés, o instituto A Pastoriza arteixán e os CEIP carballeses A Cristina e Xesús San Luís Romero.
Tamén houbo oco para o xadrez nestes días de homenaxe á palabra. Promoveu o clube carballés O Toque Xiria Calvo e, no Espazo Xove, disputouse un torneo escolar ata a categoría sub14, así como un campionato por clubes ao que se sumaron oito equipos: Xiria, con tres grupos; Guillán de Malpica, Frutas Fondo Irindo de Zas, Xadrez Val do Dubra, Xadrez Arteixo e Clubexa da Coruña. En total, uns 40 participantes.
Hoxe haberá máis actividades en torno ás Letras:
Camariñas · Taller de esculturas de papel a cargo de Electra Menéndez Muñoz, na biblioteca municipal a partir das catro da tarde. Está pensado para nenos a partir de 4 anos e é necesario reservar praza previamente.
Cee · Continúan as actividades programadas por mor das Letras Galegas, desta vez na biblioteca e da man de Fantoches Baj, compañía que poñerá en escena o espectáculo de monicreques O tranvía Leonardo (11.00 horas). Nel, Ignacio Vilariño recolle a historia do que foi o primeiro tranvía a vapor que operou en Galicia, que cubría lenta e torpemente o traxecto entre Marín e Pontevedra. Sobre el escribiron persoeiros como Castelao ou Wenceslao Fernández Flores. Tamén hoxe, ás 12.00, acollerá a Praza da Constitución a inauguración da exposición comisariada por Pepe Barro e organizada pola Fundación Rosalía de Castro, co apoio da Xunta e Deputación. A mostra fai un repaso pola historia da casa-museo de Rosalía.
A Laracha · O centro sociocomunitario de Caión acollerá hoxe a última actividade do programa larachés polas letras: un contacontos musical a cargo de Magín Blanco. Trátase de O que levamos nas maletas e poderá verse ás 18.00 horas.