Xosé Luís Penas: «Hai que volver chamar a atención sobre o vínculo co ceo, algo que temos esquecido»

CARBALLO

A área provincial de Patrimonio na Coruña promove xunto co Concello de Cabana as Aulas Científicas A Luz da Ciencia
14 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe comeza no Dolmen de Dombate unha nova edición das Aulas Científicas A Luz da Ciencia, promovidas pola Deputación da Coruña e o Concello de Cabana. Esta quinta xornada versará arredor da protección do ceo nocturno para converterse en destino Starlight e, así, diminuír a contaminación luminosa. Xosé Luís Penas está á fronte da área provincial de Patrimonio e participará na sesión inaugural.
—Que obxectivo perseguen estas xornadas?
—Achegar a ciencia e o patrimonio ao público en xeral: novos, maiores, expertos... En cada unha delas abordamos diferentes temáticas para poñer en valor a nosa riqueza patrimonial.
—Sen dúbida algunha, vincular ciencia e patrimonio é algo innovador, polo menos na zona.
—É o que buscamos, que resulte novo e de actualidade. Nós perdemos o vínculo co ceo que tiñan os nosos antepasados. O que queremos é volver chamar a atención sobre que temos unha paisaxe, un patrimonio e unha natureza inmensos dos que ás veces nos esquecemos.
—Ademais, lograr a meta abriría novas oportunidades turísticas.
—Si. Do mesmo xeito, neste sentido, o que pretendemos é fuxir dos tópicos e afondar nas nosas particularidades. Pero non sería xa só a nivel turístico, para os que veñen de fóra, senón tamén social, dos propios veciños que viven no territorio e que, por costume, non aprecian este patrimonio. O turismo é importante sempre e cando reverta onde está asentado.
—Cales serían as liñas a seguir?
—Habería que investigar e mirar cales son os aspectos que podemos mellorar e buscar aqueles territorios que son especiais. O ano pasado púxose de moda o mar de ardora, algo que os nosos avós sempre tiveron presente.
—En Galicia hai declarados de forma oficial tres únicos destinos como predilectos para observar as estrelas, pero o certo é que seguro que hai moitos máis que se prestan a selo.
—Por suposto. Este xoves participarán na xornada, entre outros, os alcaldes de A Veiga e Muras, dous dos tres únicos destinos certificados como Starlight na comunidade, pero hai moitos máis como a zona do Courel e os Ancares. Na península ibérica, as Canarias son referentes. Dalgunha forma ou doutra, gran parte dos territorios teñen espazos onde sempre houbo un pequeno observatorio de estrelas. O noso ceo é moi privilexiado. Dende os concellos búscase que haxa luz, e iso está ben, pero hai que compaxinar esa necesidade coas tecnoloxías e o futuro. É turismo de calidade. Neste sentido, Juan Anta Rodríguez e Manuel Requeijo contarannos as súas experiencias dende o punto de vista práctico.
—Cabana aposta forte polo patrimonio.
—Aquí e en xeral, sempre tivemos un Concello colaborador. Hai que fomentalo tamén con actividades.
En clave
Hoxe, dende as 19.00 horas, no Dolmen de Dombate en Cabana.
Segue mañá, no mesmo horario e sitio, con máis relatorios e mesas redondas.