Do sacro ao profano

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

A vimiancesa Natalia Lema Otero
A vimiancesa Natalia Lema Otero ANA GARCÍA

01 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano, como dixen en varias presentacións do meu libro, hei de ir a San Campio. Estou ofrecida e non hai maior agravio que non cumprirlle a un santo cando che concede unha pregaria. A min gustaríame falar co cura das Neves, o mesmo que non permite a procesión de cadaleitos. Mais non quero falar nesa postura impostada e desigual onde o crego está nunha posición de superioridade. Gustaríame falar de igual a igual, nesa igrexa que non permite a mulleres a pesares de que foron estas as que levaron a palabra de Deus e enxugaron a súa faciana de camiño ao Calvario.

A meirande parte do ritos litúrxicos da cristiandade proceden de ritos profanos adquiridos dende hai séculos. Eu non vexo a maldade que provoca unha avoa quitándolle o aire a un neno despois de que morrese alguén na parroquia ou unha muller que superase un cancro e queira agradecelo dende un ataúde nunha procesión. Son ofrendas, actos de fe tan válidos como darlle unha limosna en cartos ao peto das ánimas. Non son bruxerías, mais ben tradicións.

Señor cura das Neves, vostede fala de ciencia como se a palabra de Deus fose unha liña recta, sen misterios. A fe ten máis ben a forma dunha parábola: empezas dende pequeno cando che ensinan a persignarte, perdes o rumbo moitas veces e aprendes dos teus erros, das túas faltas e da adversidade para vivir en paz. Restrinxa a aqueles que queren sacar un selfie no féretro para subir a Instagram e descubra as historias de superación e esperanza que hai detrás das promesas. Non fale dende esa soberbia que atinxe só a quen goberna sobre todos e non se esqueza, xamais, que ata os discípulos de Deus promulgaban a palabra de casa en casa agochados por medo ás represalias.