Manuel Facal Ponte: «A miña fundación é a razón máis importante que teño agora para crear»
![Cristina Viu Gomila](https://img.lavdg.com/sc/4WgYTxvBCksPGj8KJG0klOJHA4c=/75x75/perfiles/129/1422315228305_thumb.jpg)
CARBALLO
![](https://img.lavdg.com/sc/ZQEHxqK_eGilkSLkekB0ZXLQ1jk=/480x/2022/09/10/00121662819422518671390/Foto/CS11C5F1_1.jpg)
O artista carballés vén de crear unha institución que reunirá a súa obra
11 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel Facal Ponte (Carballo, 1943) acaba de legalizar unha fundación que leva o seu nome e vai ter a sede na rúa do Sol, nun edificio familiar, «Era de meu pai, pero nunca vivimos alí, eran pisos para alugar», di.
—Por que escolleu a rúa do Sol?
—Era o máis fácil. Non era un sitio que me interesara, pero é moito máis fácil para atallar o problema. Eu pensaba máis ben nun edificio novo ou algo máis antigo. De feito estiven en contacto cos de Calvo polo vello almacén, pero é moi complicado porque son moitos a convencer. Estiven mirando.
—Nunca houbo en Carballo unha gran exposición da súa obra.
—Non é un sitio que se preste. Imaxina na antiga cárcere, con catro cadros xa estaría chea porque son moi grandes, hainos de tres por tres metros. Interesábame un edificio antigo, que fose bonito, con interese arquitectónico, pero en Carballo non existen. Gustaríame outro entorno, Razo, por exemplo. Nun espazo ao aire libre estaría ben, como a Fundación Manolo Paz en Cambados. Alí o entorno ten unha dignidade impresionante, que case fai sombra á obra.
—No seu caso o contido é o que lle daría importancia ao espazo... Non é o mesmo.
—A fin, o importante é que non desapareza a miña obra.
—Por que Carballo.?
—Porque era o lugar onde podía haber máis interese pola obra e, sobre todo, máis cómodo para min. Noutro lugar non atoparía tantas persoas dispostas a apoiar este proxecto. Hai pobos pequenos que teñen fundacións que son capaces de atraer. Á xente gústalle moverse, non lle importa desprazarse. O centralismo que había antes desapareceu, as persoas saen da cidade se hai algo que lles interesa.
—Como foi a resposta do Concello?
—Moi positiva, a cousa vai adiante porque hai interese.
—Ten xa nomeado o consello asesor?
—É complicado porque aínda que hai xente que quere estar tense que comprometer a participar porque é un proxecto que hai que dinamizar. Miña sobriña, por exemplo, está en Madrid e iso é problemático. Xa temos un anteproxecto feito para a rehabilitación do edificio. Tamén hai algunhas persoas, ademais da familia, que están no proxecto como arquitecto técnico Xaime Díaz, que é un dos máis dinámicos, e Miguel Anxo Fernán-Vello, de Espiral Maior.
—Que vai ser seu veciño
—Si, efectivamente.
—Daquela a fundación non vai ser só un museo.
—Ten máis pretensións ca esa. É delicado. O tema non é deixar unha obra colocada, hai que facer actividades, ofrecer conferencias, e que queiras traballar. Pode que sexa demasiado ambicioso, pero ten que ser algo dinámico
—Que espera que faga por Carballo?
—Poder ser unha razón para visitar Carballo, sobre todo porque a clave hoxe en día é a creación dun patrimonio que pode ser de maior ou de menor difusión. O valor ten que estar radicado en iso, en que un pobo sexa capaz de pensar nun proxecto patrimonial que poda ser de interese para Galicia ou máis. Pode ser algo modesto, pero é importante que un pobo apoie. Non ten que ser un gran artista, un gran artesán, senón unha persoa que teña dedicado 50 ou 60 anos a un traballo que máis ou menos teña certa dignidade. Hai que valorar unha continuidade, un proxecto de vida, unha dedicación honesta durante un certo número de anos. Hoxe en día é difícil, e sobre todo agora, que alguén que teña como motivo da súa vida un proxecto artístico, que tamén podería ser científico... Algo que traspase a vida, que se poda recoller coma un proxecto vital.
—Sigue traballando?
—Claro, claro e agora con máis razón, porque teño a necesidade de darlle máis ao proxecto, facelo máis ambicioso. Teño unha razón poderosa agora para poder atacar moitas desas obras que estou ampliando, pensando xustamente na fundación.
—Daquela agora está a crear en función dese proxecto
—Está mobilizándome bastante. A miña fundación é a razón máis importante que teño agora para crear. É o proxecto máis ambicioso da miña vida.
—Que antigüidade teñen as obras que haberá alí?
—O fondo será a miña vida. Esa é unha desculpa para empezar a falar dun proceso vital, de etapas, de anos, de circunstancias, de vivir en distintos países... Hai traballo, demasiado, porque son gravados, pinturas esculturas... É moitísima obra que está pensada non para expoñela toda, senón presentada por etapas ou por obras. Necesitas un espazo grande, pero é imposible dispoñer todas as pezas que teño nin en dez exposicións.
—Hai algunha etapa da que estea especialmente satisfeito?
—Desta última estou moi contento, para min é a máis importante.
—Por que?
—É un proxecto en evolución. Hai artistas que non modifican a través da súa traxectoria e case se repiten. Eu sempre ando buscando novas maneiras de traballar... Gravados, pintura, escultura, libros... Sempre pensando en algo novo. a depuración da obra. Sempre insatisfeito, dalgunha maneira queres conseguir a perfección, entre comiñas. É todo un traballo que dura anos e anos. A esencia das obras non se consegue por un azar, senón que é produto dun desenvolvemento permanente.
—Pensa que está agora no seu mellor momento, no máximo ?
—Non, non. Eu vou seguir e seguir. Polo menos no meu caso o camiño é interminable. Teño a necesidade de estar buscando
—Que é o último que atopou, que está a facer agora?
—Son esculturas o que máis me interesa actualmente. Van ser móbiles. Con iso é co que estou agora ilusionado.
—Volveu a Málaga?
—Si. Pasei o verán en Carballo, pero tiña necesidade de vir e iso que deixei cousas sen rematar. Estou pendente diso, pero no obradoiro de aquí tamén teño escultura. Non hai problema, pero quedei frustrado por ter vido tan cedo.
—Cando volve?
—En menos dun mes, pola fundación, aínda que todo está un pouco paralizado porque ata novembro parece ser que non teñen que contestar na Xunta.
—Para un artista ten que ser complicado andar con trámites burocráticos.
—Se me metín nesto é porque teño unha persoa aí que é especialista en fundacións, súper eficiente e entusiasta. O que fixen ata o de agora foi firmar papeis. Despois do da Xunta empezaremos co tema do Concello, que tamén será complicado.