Os 25 anos do Batallón Literario, agora en documental

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O poeta fisterrán Modesto Fraga, un dos máis activos membros do Batallón
O poeta fisterrán Modesto Fraga, un dos máis activos membros do Batallón ANA GARCIA

O Museo do Pobo, en Santiago, acollerá este mércores a presentación do deuvedé

03 oct 2022 . Actualizado a las 23:05 h.

Mércores 5 de outubro• 19.00 horas • Museo do Pobo GalegoA finais do 2021, no parador de Muxía, conmemorábanse os 25 anos do Batallón Literario Costa da Morte, un colectivo que no seu día revolucionou a forma de entender e divulgar a poesía «neste curruncho de Galicia», como inciden dende o hotel literario Bela Fisterra. É aquí, e nas redes sociais deste espazo, onde xurdiu tamén un proxecto que este mércores verá a luz no Museo do Pobo de Galicia, en Santiago. Trátase do deuvedé Batallón Literario da Costa da Morte: 25 anos despois.

En datas previas a aquel acto, baixo a coordinación do poeta fisterrán Modesto Fraga, fóronse emitindo pequenos vídeos de entre 2 e 5 minutos nos que membros do Batallón e tamén novas voces da poesía comarcal recitaban ou reflexionaban sobre o que supuxo este movemento poético que se remonta aos anos 90. Foron máis de 40 días consecutivos publicándose estas pezas audiovisuais nas redes do Bela. Este deuvedé agora resultante foi obra de Teiga Estudo, «a empresa de Deseño máis laureada de Galicia», indican dende o espazo fisterrán. De edición limitada, inclúe un código QR para poder descargar o documental.

Na presentación prevista para este mércores intervirán Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; Pepe Formoso, precursor do proxecto dende o Bela Fisterra; Modesto Fraga, poeta e coordinador; Valentín García, secretario xeral de Política Língüística, e o artista Manoele de Felisa, que pechará a velada interpretando a peza Feros corvos.

Participaron nos vídeos: Concha Blanco, Alexandre Nerium, Fernando Cabeza Quiles, María Lado, Domingo Tabuyo, Xosé María Lema, Rosa Méndez, Estevo Creus, Rafa Vilar, Manuel Vilar, Xosé Iglesias, Xosé H. Rivadulla Corcón, Rocío Leira, Modesto Fraga, Paco de Tano, Miro Villar, María Canosa, Moncho Bouzas, David Creus Andrade, Sesé Canitrot, Rafael Lema, Rosalía Fernández Rial, Miguel Anxo Fernán Vello, Xoán Alberte Moure, Diana Varela, Xavier Seoane, Xosé Manuel Lobato, Roberto Traba Velay, Eduardo Toba, Rocío Blanco, Xesús Bermúdez, Marilar Aleixandre , Xosé Antonio Andrade, Branca Vilela, Chisco Fernández Naval, Natalia Lema, Luís Lamela García, Ainhoa Conde, Rafael Mouzo, Serxio Iglesias, Mónica Goñez e Manoele de Felisa.