Quique Peón: «'Endaterra' é da Costa da Morte»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O espectáculo de Xacarandaina en torno ao Camiño de Fisterra e Muxía chega este sábado a Dumbría. Aquí, as razóns para ir velo

13 oct 2022 . Actualizado a las 20:08 h.

Dumbría preséntase forte na axenda cultural desta fin de semana. O sábado, ás 21.30, no pavillón do Conco, poderase ver Endaterra, un espectáculo único e exclusivo a cargo da asociación Xacarandaina. Máis de catro decenios de recollidas que agora frutifican nesta exhibición etnográfica a base de baile, música tradicional, teatro e imaxe, ademais de luz e banda sonora propias. Quique Peón (1963), fundador de Xacarandaina, director e coreógrafo de Endaterra, dá detalles deste proxecto, apoiado pola Deputación e pola Xunta.

—Antes de comezar, parabéns polo Premio da Cultura Galega para Xacarandaina, moi recente.

—Enterámonos a pasada semana deste premio na categoría de patrimonio cultural. É algo importante para o folclore, máis alá de Xacarandaina. Estes anos pasados, nesa rama, os premios foran para a restauración do Pórtico, a Fundación Barrié de la Maza, o mosteiro de San Pedro de Rocas... Todos os galardóns a patrimonio cultural foron a patrimonio...

—Material?

—Material, iso é. Que se conceda ao inmaterial, que é o noso, é importante. Parece que custaba traballo recoñecer que eramos patrimonio. Polo tanto, marabilloso, para este grupo e para o resto, porque aínda hai cousas que facer coa música e co baile tradicional de Galicia. Un premio así dános máis voz á hora de impulsar proxectos, como un lugar do folclore de Galicia, un sitio onde se poida gardar todo o material de recollidas e arquivo que temos na comunidade, que non é pouco e está en perigo de extinción. Falamos en moitos casos de coleccións particulares, doado de que se estraguen, cintas de vídeo... Cómpre poñer todo isto a cuberto, para que calquera investigador, musicólogo, etnógrafo ou folclórico poidan consultalo, un estudo ben feito e onde ademais se poida formar xente e sacar un título para dar clase. Somos un colectivo que, botando contas, pode implicar a 50.000 persoas en Galicia, con nenos formándose. Hai que saber algo de pedagoxía... Falamos de algo grande, no que por tanto queda por facer e arranxar.

—O punto de partida de ‘Endaterra’ é unha peregrinación no 1900 de dúas mulleres: unha aristócrata inglesa e a súa doncela, de orixe galega. Un percorrido por 18 concellos do Camiño Inglés e do de Fisterra-Muxía. Por que?

—Fixen o Camiño hai anos e marcoume ese convivio cun mesmo. Ao final es unha persoa distinta. Xa fixera un espectáculo, O Camiño do Sul, pero agora aproveitando o Xacobeo fomos quen de montar este, con pandemia polo medio e todo. Foron uns tres anos e houbo momentos nos que só podiamos ensaiar de a catro, candos somos 80 no escenario! Consideramos que estas rutas eran as menos coñecidas e recoñecidas. Realmente deume traballo escoller que material usar, porque falamos dun percorrido por 18 concellos cunha variedade extraordinaria. As actrices que fan o percorrido sérvennos de guión para ir atopando persoas, tradicións, bailes, cantos, traxes... Endaterra son dúas horas moi entretidas que tocan a fibra. Os dous Camiños acaban sendo un.

—Como foi recoller por Dumbría?

—Había concellos dos que non tiñamos moito material e volvemos. E aínda atopamos cousas, que agora veremos. Un dos casos foi Dumbría. Veciños e veciñas axudáronnos a reconstruír ese cachiño de Camiño que nos faltaba.

—O espectáculo comeza a verse primeiro nestes concellos do Camiño e logo irá a vilas e cidades. Non é o habitual, pero si o lóxico.

—Si, porque a idea é devolver aquilo recollido á xente que cho ensinou. E despois hai outra cousa: que os que vivimos na aldea pagamos impostos coma os demais, e xa estamos fartos de ter que ir a cidades para ver grandes espectáculos. Por que non levalos ás aldeas cando ademais forma parte da túa identidade? Gústame que o público saia orgulloso do seu, e ademais pensando.

—Ten falado de ‘zarzuela enxebre’. Como manexa 80 persoas?

—Con disciplina escénica, traballando entradas e saídas, os cambios de vestiario... Endaterra vai por etapas, por actos. Tuneamos os pavillóns deportivos, porque xa non collemos noutro sitio, para convertelo nun grande auditorio. O público vaise sorprender.

—Xa pasaron por Santa Comba e tamén por Negreira. Foi ben?

—A tope, unha acollida moi boa. Gustou, e estamos felices...

—Semella que van directos ao ADN, pero dándolle unha volta cos tempos. Que levan para a casa?

—Principalmente, o orgullo de pertencer a unha etnia e a un pobo que, anonimamente, creou cousas extraordinarias. E despois, pensar... pensar porque é un camiño... E non conto máis!

—Un convite. Por que ver ‘Endaterra’ aquí, na Costa da Morte?

—Porque é propiamente da Costa da Morte. Na Costa da Morte houbo artistas extraordinarios, cantantes, bailadores, que non se deron en ningún outro sitio coma aí. Xa só por iso, por un respecto aos antepasados, deberíase ir. Pero é que ademais verán un espectáculo feito con cariño e traballo e que plasticamente lles gustará.

As entradas. Apertura de portas ás 21.00. Peón recomenda ir con tempo para sentar a gusto: «É un espectáculo para ver de principio a fin». Reserva de entradas no Concello, Casas Culturais ou no 981 744 001.