Non podemos seguir postergando esta imaxe estática e idílica da muller rural. Necesitamos sacar á palestra as mozas e ensinarlle que non teñen que estar sempre en segunda posición, invisibles, traballando e en silencio mentres outros levan os loureiros
17 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Onte vin un feixe de publicacións eloxiando o 15 de outubro, Día da Muller Rural. A verdade é que estiven un bo anaco reflexionado sobre que significa esta figura. Auguro que, se estivese na compaña de Xurxo Souto, diríame con ese sorriso que enche calquera estancia que iso do rural é un neoloxismo e que somos da aldea e a moita honra.
Helena, persoa a quen estimo e sobre todo escoito moito, dime sempre que veño dunha árbore familiar onde as mulleres sostiveron todo o peso sobre as súas cabezas. Acotío, ela que cre tanto en enerxías, profecías e en pechar círculos dime que as novas xeracións nacemos para empoderar as nosas devanceiras. Coido que, en certa medida, é o noso cometido. Nosas avoas deixaron a vida por protexer dos seus. Pariron, teceron, coidaban das vacas mentres levaban no colo os seus fillos e netos. Nunca celebraron o seu aniversario e xamais gastaron un peso salvo que fose por necesidade.
Por suposto que debemos eloxiar esas mulleres que levantaron o país a través do seu esforzo. Calquera recoñecemento sería pouco para resarcilas de tanto traballo. A pesares disto, non podemos seguir postergando esta imaxe estática e idílica da muller rural. Necesitamos sacar á palestra as mozas e ensinarlle que non teñen que estar sempre en segunda posición, invisibles, traballando e en silencio mentres outros levan os loureiros.
Somos, como di un das miñas camisetas favoritas, as netas das bruxas que non puideron queimar. Seguramente conformemos a primeira xeira de mulleres que traballaron , estudaron, tiveron ou non familia pero foron completamente libres. Á muller rural, coidadora e abnegada, impedíronlle moitas veces precisamente iso: ser muller antes que nai, esposa ou filla.