A RAG viaxa ao seu «Boletín» de 1911 a través do «Cancioneiro de Buño»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

REAL ACADEMIA GALEGA

A obra, publicada por Edicións Embora, foi presentada este martes na Real Academia Galega

18 oct 2022 . Actualizado a las 19:14 h.

Seguramente pouco tería sospeitado Dolores Cancela Pérez, sendo daquela unha labrega de 17 anos veciña de Buño, que un día as coplas que ela cantaba, atesourando con mérito un importante legado da poesía popular, chegarían a ser motivo de análise na Real Academia Galega. Non quero vivir en Buño / non quero facer máis olas / quero vivir en Barizo / que é terra de cebolas. Así arrincaba o Boletín da RAG número 58, no 1911, o seu espazo Cantares populares de Galicia. Serían 84 as coplas reunidas en varios números ata o 1913: foran as primeiras recollidas en Malpica e, seguramente, na Costa da Morte. Todas, escoitadas a Dolores Cancela, cuxa contribución, o ter sido unha ponte entre o seu pasado e os cantos que aínda hoxe se entoan e bailan en foliadas, é obxecto de homenaxe a través do libro Cancioneiro de Buño (Edicións Embora), presentado este martes na RAG, ante máis de medio cento de alumnos dos centros educativos Xoaquín Rodríguez Otero (Buño) e Milladoiro (Malpica).

REAL ACADEMIA GALEGA

Víctor Freixanes, presidente da Academia e autor do limiar, incidiu na visiblización que fai a obra de dous mundos creativos e identitarios de Bergantiños, as coplas, esencia da lingua, e a oleiría: «Son documentos non só da creatividade artística do pobo, senón das súas formas de vida, costumes, valores, crenzas, tradicións...». Reforzou esta mensaxe a nova académica correspondente, Ana María Romero Masiá. Precisamente con vínculos con Barizo, faloulles aos nenos desas cebolas da copla. «Quíxose dignificar a literatura popular galega e, en concreto, a de Malpica», abundou Xosé Manuel Varela, editor literario deste Cancioneiro, en cuxa edición colaboraron a propia Academia, o Concello de Malpica e Oleiría de Buño. Dolores, nada no 1894, pertenceu á familia dos Margaritos, un alcume aínda vivo hoxe. Acudiron á RAG, tamén, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a edila de Cultura, Noelia Freijeiro: os dous animaron a coñecer «de onde vimos» e a respectar «este patrimonio común». Igualmente, estivo presente Antonio Fernández, quen retratou para a obra aos homes e mulleres do último pobo oleiro de Galicia, Buño. Este Cancioneiro fora xa presentado na Mostra da localidade, así como na Feira do Libro da Coruña.