A curiosidade, un «virus» para alimentar as vocacións científicas nos máis pequenos

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Rapaces de varios colexios da Costa da Morte participaron onte no Couto (Ponteceso) nunha xornada sobre vocacións científicas promovida polo Consello da Cultura Galega

27 oct 2022 . Actualizado a las 15:53 h.

A importancia do traballo colaborativo, os estereotipos de xénero, a desmitificación do erro ou a conveniencia de contar con equipos multidisciplinares foron algúns dos conceptos que estudantes de varios colexios da Costa da Morte abordaron onte nun encontro promovido polo Consello da Cultura Galega no Couto (Ponteceso), no seo da Fundación Eduardo Pondal.

Ata alí achegáronse pícaros de cuarto e sexto de primaria dos CEIP Labarta Pose (Baio), As Forcadas (Corme) e Eduardo Pondal (Ponteceso), que foron repartidos en grupos dunhas 25 persoas para traballar nun obradoiro sobre as vocacións científicas que dirixiron docentes da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña: Andrea Fernández (área de didáctica e organización escolar) e Lucía Vázquez (área de didáctica das ciencias experimentais).

Elena Vázquez Cendón, coordinadora da sección de ciencia, tecnoloxía, natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega, explicou que o primeiro que fixeron os pequenos na mañá de onte foi «reflexionar sobre onde se ven cando sexan maiores». Algúns aseguraron querer converterse en futbolistas, outros tiraron polo ámbito dos coidados ou da veterinaria, algún que outro elixiu a fontanería e tamén houbo nenas que anunciaron o seu gusto pola ciencia. «Nesas idades, os rapaces teñen dentro un virus moi positivo: a curiosidade», explicou Elena.

A perspectiva de xénero tamén estivo moi presente na actividade, pois, noutro dos exercicios, os participantes tiñan que adiviñar se fora un home ou unha muller a persoa responsable de certo número de inventos. «Tamén se lles pediu que pensasen nun problema da vida cotiá e, empregando uns cartóns con nomes de persoas que traballan en diferentes disciplinas da ciencia, buscasen unha solución», indicou Elena. O alto prezo da electricidade, o sistema económico actual ou a optimización dos parques eólicos foron algúns dos conflitos que mencionaron os rapaces, cuestións de moi estrita actualidade coas que aprenderon, así mesmo, que son necesarios equipos multidisciplinares para a resolución de certos problemas. «Aprenderon que detrás dun invento moitas veces non está unha única persoa, senón que se trata dun traballo en equipo, e tamén se lles ensinou de que son procesos nos que ten cabida o erro», indicou a responsable, engadindo que, visto o éxito da actividade, consideran esta fórmula «exportable» a outros lugares do territorio galego.

Ánxela Bugallo e Xosé María Varela encargáronse da coordinación da actividade, que concluíu coa representación da adaptación teatral de Os nenos da varíola, a cargo do alumnado do Labarta Pose. «Con esta peza, e estando as vacinas tan de actualidade, achegamos aos rapaces e poñemos en valor as figuras científicas mencionadas na obra», concluíu Elena.