![](https://img.lavdg.com/sc/bgGnWO6n30IpJ3fE-wscQkX7INY=/480x/2022/10/30/00121667156342622260396/Foto/v27e6505.jpg)
E chamáronlle Lei de Protección de Datos. Saben vostedes que agora nos hospitais non facilitan o número de cuarto do familiar aportando nome e apelidos? Parece unha pantomima pero é certo, podes ter calquera familiar ingresado que xa non entregan esa información no mostrador. Parece un exemplo levado ao límite pero, se pensamos realmente, a nosa vida cotiá mudou dende a implantación desta norma. Estes días estaba eu pensando na relación entre a lei e a presunción de inocencia. A vida de Juana Canal, asasinada hai case dous decenios, volve á actualidade tras a confesión do seu asasino. No seu caso, os medios filtran datos superfluos dela: que fumaba, que era divorciada, a idade e nome dos seus dous fillos naquel entón… En cambio, o nome completo do seu asasino queda preservado polas súas iniciais. Mutismo absoluto. Acaso a preservación da intimidade da vítima non é precisa polo seu falecemento?
Poñendo outro exemplo, recordo hai uns anos un xornal dixital da Costa da Morte que publicara as imaxes dun accidente, onde dentro do coche aínda se percibía a figura do defunto, un mozo novo con toda a vida por diante. Rememoro que se tardou en rectificar e descoñezo se é legal ou se hai baleiros que amparen un tipo de comportamento tan reprochable. Eu sei que, se fora a nai daquel neno, sentiría unha profunda carraxe. Se nos fixamos nos xornais diarios, veremos mostras quizais máis nimias pero igualmente importantes de morbo e amarelismo. Pregúntome se a protección de datos está concibida como un mecanismo de defensa da era da información ou se é unha corda frouxa, enchida de luces e sombras. Pasa quizais que nos falta relacionar a protección de datos co eido da ética profesional? Quizais.