Mercedes Peón: «O punto de inflexión máis grande que tiven foi o contacto coa Costa da Morte»
CARBALLO

A VIVA VOZ | Xunto con Ana Fernández e Mónica de Nut, actuará mañá no castelo de Vimianzo: 19.00 horas.
04 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.É a Costa da Morte «verxel de mulleres músicas, compositoras, letristas». Fala Mercedes Peón de sororidade («non é unha moda, é unha práctica»), de diálogo, de creación colectiva, «esa creatividade xurdida da vosa terra, miña tamén, porque así a sinto». Defínese como «compositora pandereteira, tocadora compositora». Xunto con Ana Fernández e Mónica de Nut, abrirá mañá (19.00, castelo de Vimianzo) o programa municipal A Costa da Vida, apoiado por Xunta e fondos Next Generation.
—Falaba desa relación «transversal» entre as tres. Que traen?
—Imos contentísimas. Levamos, si, transversalidade. Vai un mundo compositivo, o de Mercedes Peón, un mundo que vén da miña traxectoria, sobre todo de Déixaas, pero cun directo baseado nesa relación entre as tres. En cada peza busquei o transo a eses ternarios [viña de falar da creación colectiva], pero cunha pegada contemporánea moi fonda.
—De onde vén esa relación?
—A Ana ata lle dei clases cando ela tiña 11 aniños, e hoxe é xa unha señora música, tocadora. É unha grande folclorista, moi interesada incluso nas pegadas que quedan agora, que xa son menores, e na construción dun imaxinario, dunha didáctica. Con Mónica penso que a primeira colaboración foi hai vinte anos. Creei unha composición nun espazo para que viñese esta muller cunha formación clásica operística e de transgresión contemporánea, cunha voz moi transgredida, exquisita. Esa relación entre as tres vese no directo, danse unhas emocións... A nosa proposta é un concerto concéntrico, onde ti podes escoller a persoa que lidera a banda. Neste senso, é tamén unha aposta política. Eu son unha compositora, produtora, incluso empresaria que está detrás disto, pero a miña posta en escena é a de imaxinarnos que non ten que haber unha persoa central, líder, senón que as tres construímos o que está a acontecer nese momento co público.

—Vostede pasou media vida en Bergantiños, na Costa da Morte, comarca de creación colectiva moi arraigada, como ten dito.
—O punto de inflexión máis grande que tiven na miña vida foi o contacto coa Costa da Morte. Ese punto de inflexión como persoa construída, con conciencia, foi aí, na Costa da Morte, en Imende, e logo xa en todas esas aldeíñas que, de nomear, non acabaría nunca. Significou o entendemento da naturalidade, desa creación colectiva, desa individualidade sen estar fóra de ti. Nada que ver coa individualidade que vén do capitalismo, senón coa desas persoas que saben lerse a si mesmas, pertencentes a ese microhábitat que ha de ser sostible. Foi unha aprendizaxe de vida. Hai que eliminar a mirada colonial cara as aldeas. Téñolles a estas creacións e esas persoas un amor inmenso que levo comigo, sen perder o norte. Eu tamén son de aldea, nacida na Coruña, no barrio dos Castros, pero viñamos a Oza dos Ríos, que é onde vivo actualmente.

—Dicía no ano 2016: «Todo o mundo bebe dalgunha fonte, pero logo parece que se esquece». Cal sería o mellor tributo a esas tocadoras que nos trouxeron ata onde estamos hoxe?
—Darlles todo o recoñecemento. Sabermos que vimos de aí e que grazas a iso estamos, imaxínate, no eido comercial. Grazas a elas podemos entendérmonos doutro xeito, ter unha salubridade de vida, saber que ten valor.
—A Fundación Pondal recoñecíaa no 2013 por esa labor de visibilización das nosas raíces.
—É que eu son unha compositora con autoestima cultural. Dinme: fas música folclórica. Non, porque o folclore é o que representa a un pobo, e para que o meu fose folclore teriades que decidir que isto representa á maioría da xente. Como vou facer eu música folclórica? Non teño esa pretensión. Música tradicional? Tampouco, porque esa faise dende a colectividade. Por iso digo: compositora con autoestima cultural.
—Impón innovar tomando esas bases que veñen de tan atrás?
—Non, non hai conflito. Podería ser tradicionalista, ir a Berdoias, coller a muiñeira e facela así tal cal. Tamén podería facer tradición, esa muiñeira cun grupo de tocadoras... Pero outra cousa é isto, música de composición.
—Hai agora case un ano nacía en Carballo o seu proxecto Somos Pandereteiras. Como vai esa reflexión en torno ás tocadoras?
—Xusto estou cos estatutos para converter o proxecto en asociación, para que poida ter outro camiño, o que decidan darlle as socias e a directiva que se conforme. Terá obxectivos claros, un deles dende logo, facer un mapa, un mapeo de tocadoras. Empezaremos pola Costa da Morte, por supostísimo, e tamén pola zona de Avión, lugar de moita tradición. Entre nosoutras iremos creando eses espazos de pensamento, convivencia e supervivencia dun imaxinario peculiar.