Branco e negro

Antón Pombo

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

EN PRIMEIRA PERSOA | Vinte anos do Prestige | Quedémonos co bo, eses valores que tamén son os do Camiño de Santiago

27 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Gardel e Le Pera consideraban que para o amor vinte anos non son nada, pero para a traxedia convértense nunha eternidade. O propio tango tamén expresaba que o esquecemento todo o destrúe, ende ben denantes as malas lembranzas que as positivas, mero instinto de supervivencia física e psíquica. Xa que logo recordar, conforme a etimoloxía desta verba que vén do latín, é máis ca nunca volver a sentir no corazón.

E que sentimos catro lustros despois? Desacougo polo que aconteceu, o máis grave e mediático dos naufraxios post-Casón [o Prestige], o episodio máis aciago da nefasta serie, case que unha maldición ó xeito dos ciclos míticos e inevitables que enxeñaron os gregos e que recorrentemente nos tocaba vivir ós habitantes da Costa da Morte, pero tamén unha inmensa ledicia polo movemento fraternal, ousamos sen ambaxes empregar esta denominación, que provocou a traxedia.

Volta ós tempos

Daquela os pensamentos mergúllanse nun escenario en branco e negro, coma unha volta punitiva ós tempos superados, aqueles tan tristeiros e unidireccionais do NO-DO. Unha representación que tan ben souberon plasmar os fotógrafos presentes, pois naquel tempo non existían os matices nin as tonalidades, tampouco as medias tintas nin as mentiras (foran piadosas, elucubradas ou froito da perversión política do sálvese quen poida e botemos os balóns fóra): todo era desesperadamente preto, ou luminosamente albelo. Unha materialización do maniqueísmo? A realidade percibida.

E chegamos entón os voluntarios: os de longo percorrido movidos pola compaixón —agora prefírese ditaminar solidariedade, que lle imos facer—, os de longa estadía —aqueles que máis sufriron as consecuencias persistentes daquel veleno— e os da veciñanza, tantos galegos doídos pola súa terra. Consagrados todos a unha empresa moito máis quixotesca que loitar contra xigantes, tal a de pretender, coma formiguiñas moi afanosas pero insignificantes fronte a tan colosal reto, sacar aquel petróleo do mar, dos areais e das rochas aldraxadas. De feito, e no frío balance dos resultados, o noso degoxo acabou sendo algo meramente testemuñal, unha quimera, e soamente o principal afectado, o mar, foi quen de restituír o perdido equilibrio coa forza das ondas e das mareas. Cando menos, cómpre na nosa defensa argumentar que estivemos aló, por se a boa intención e a conciencia limpa valen de algo na hora do xuízo.

JOSE MANUEL CASAL

Atrás quedan tamén a miseria e a hipocrisía de quen en tan mala hora dixo, para si mesmo e definindo un arquetipo vital fondamente utilitarista, que ogallá houbera un Prestige cada dez ou quince anos, pois deste xeito as axudas chegarían do ceo e non habería que dar pancada. Os que deste xeito falaron, e en consecuencia actuaron mirándonos con desprezo dende a barra dalgunha taberna, teñen nome e apelidos, e constitúen unha auténtica alegoría da miseria humana e unha vergoña para a comunidade, que debería por sempre sinalalos e marxinalos.

Pero ó cabo quedémonos co bo, eses valores de xenerosidade, compañeirismo e hospitalidade que tamén son os propios do Camiño de Santiago. Por iso o grupo de voluntarios da Asociación Galega de Amigos do Camiño quixo poñer o seu microscópico grao de area naquela marea branca, acollida por uns voluntarios muxiáns que actuaron coma o fan os mellores hospitaleiros cos peregrinos. Flor duns días que nos fixo soñar nun mundo diverso do individualista, competitivo e consumista no que nos atopamos por desgraza instalados e recluídos. Tempo en que soñar un proxecto comunitario cara unha meta común, presidida por valores ecolóxicos. Un intre en que os bos e xenerosos, en branco, ocuparon o espazo que decotío é a facenda dos de negro, estean tocados de chapeu e maletín ou non.

Cada ano volvo...

Cada ano volvo ó areal do Coído onde nos tocou en sorte limpar, se cadra un inexorable retorno ós lugares que ficaron vencellados á nosa existencia, e na hora do solpor creo escoitar a Buserán, por sempre agochado nestas furnas, cantaruxar un grazas! Nese intre non podo menos que lembrar a quen morreu por amor, fora un trobeiro medieval, fora Manfred.

dni

Antón Pombo. Nado no 1964, é doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago (USC). Destacado investigador da peregrinación xacobea, xornalista e tamén escritor, ten no Camiño e no turismo moitos dos seus asuntos de reflexión, con máis de medio milleiro de artigos en publicacións diversas de ámbito moi variado. Asemade, é autor de varias guías, sobre os Camiños francés, Norte, Primitivo, Portugués e Inglés. Desta volta, visita estas páxinas como testemuña do voluntariado que trouxo tras de si a catástrofe ambiental do Prestige.