«O sorriso de Nadal», de Mariña Vázquez Espasandín, foi o máis valorado polo xurado. O segundo posto, tamén de Baio
11 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Mariña Vázquez Espasandín, alumna de cuarto de primaria do CEIP Labarta Pose de Baio, é a gran triunfadora da décimo novena edición do concurso Contos de Nadal, convocado por La Voz e Radio Voz co patrocinio de EDP Renovables e da Fundación EDP. Máis dun cento de rapaces de varios centros educativos da Costa da Morte concorreron este ano ao certame, mais foi O sorriso de Nadal a historia que máis conmoveu ao xurado, que baseou as súas valoracións en cuestións como a orixinalidade da trama ou a calidade da escrita.
En canto ao resto de finalistas distinguidos polos membros do xurado, dáse a casualidade de que outra nena de cuarto de primaria do Labarta Pose obtivo a segunda mellor valoración. Unha rapaza que, ademais, xa foi premiada na anterior edición dos Contos de Nadal. Trátase de Lara Vidal Rodríguez, que escribiu Un Nadal moi especial.
O resto de condecorados foron: O roscón de Reis, escrito por Tenidunni Ariyo Olanipekun (CPI As Revoltas); Que lle pasa a Papá Noel?, de Iria Álvarez Allariz (CPR Manuela Rial Mouzo, gañadora en 2021); Este Nadal regalaremos tempo, de Antón Sambade Vázquez (CPR Manuela Rial Mouzo); Que listas son as avoas, de Valeria Martínez González (CEIP A Cristina); Xunco é unha aldea pequena, de Mauro Lago Elorza (CPR Manuela Rial Mouzo); Un conto especial, de Natalia Cameán Sánchez (CEIP Canosa-Rus); Laponia, de Laura Rodríguez Pazos (CPI Alcalde Xosé Pichel) e Na Costa da Morte os desexos cúmprense, de Mara García Suárez (CEIP A Cristina).
O conmovedor desexo dunha nena que escribe ao Apalpador para devolverlle ao seu avó a ledicia que perdera foi o conto máis valorado polo xurado encargado de estudar as historias deste ano. Un xurado que estivo integrado por Emilio Roca, exprofesor de A Ponte do Porto; María José Queiro, tamén exprofesional do ensino en Vimianzo; Tania Carreira, técnica de Turismo de Zas; Patricia Blanco, xornalista de La Voz, e Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz en Carballo.
Referencias á actualidade
Co Nadal como telón de fondo, rapaces de oito colexios da comarca tiraron de maxín para fiar aventuras de humor, falcatruadas, reflexións, tecnoloxía, malvados antagonistas que tentan sabotar as festas, morriña, ausencias familiares ou cuestións de estrita actualidade. Non faltaron as referencias á crise humanitaria vivida en Ucraína, e non é para menos, pois meses despois do estoupido da guerra familias refuxiadas seguen residindo na Costa da Morte, con nenos escolarizados en diferentes centros educativos da zona.
Co obxectivo de fomentar a escritura, a creatividade e o gusto pola lectura entre alumnos de primaria, La Voz e Radio Voz convocan o certame Contos de Nadal dende hai case dous decenios. Mesmo se convocou no 2020, un ano marcado polas singularidades do covid, aínda que os mozos premiados entón tiveron que agardar ao 2021 para recibir os seus correspondentes diplomas e agasallos, nun acto que tivo lugar no Parador muxián.
Dende a súa primeira edición, máis de 180 pícaros foron recoñecidos polas súas habilidades literarias, aínda que se teñen dado casos de nomes que se repetiron entre os finalistas de varias edicións. Neste 2022, por exemplo, repiten unha nena do Labarta Pose e outra do Manuela Rial que xa o ano pasado foron finalistas. Foi este centro ceense o que máis contos remitiu para concorrer á presente edición, e tamén foi o que máis finalistas colleitou: tres de dez.
Os dez finalistas
Primeiro posto: O sorriso do Nadal, de Mariña Vázquez Espasandín (Labarta)
Segundo posto: Un Nadal moi especial, de Lara Vidal Rodríguez (Labarta Pose)
Terceiro posto: O roscón de Reis, de Tenidunni Ariyo Olanipekun (Revoltas)
Cuarto posto: Que lle pasa a Papá Noel?, de Iria Álvarez Allariz (Manuela Rial)
Quinto posto: Este Nadal regalaremos tempo, de Antón Sambade Vázquez (Manuela Rial)
Sexto posto: Que listas son as avoas, de Valeria Martínez González (A Cristina)
Sétimo posto: Xunco é unha aldea pequena, de Mauro Lago Elorza (Manuela Rial)
Oitavo posto: Un conto especial, de Natalia Cameán Sánchez (Canosa-Rus)
Noveno posto: Laponia, de Laura Rodríguez Pazos (Xosé Pichel)
* Décimo posto: Na Costa da Morte os desexos cúmplense, de Mara García Suárez (A Cristina).
O acto de entrega dos premios celebrarase o sábado 17 en Cee
Os dez mozos finalistas recibirán o vindeiro sábado os seus premios e recoñecementos en Cee, localidade elixida para a celebración do acto deste ano como xa anteriormente o foron o Parador de Muxía, o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte de Corme, o Dolmen de Dombate, o salón do voluntariado de Muxía ou a Fundación Eduardo Pondal de O Couto, Ponteceso.
Como sempre, haberá actuacións musicais e algún espectáculo pensado especialmente para o entretemento dos máis pequenos, que poderán acudir acompañados dos seus familiares. Ademais, os dez contos finalistas serán publicados integramente nestas páxinas na próxima semana.
En vindeiras datas, La Voz e Radio Voz convocarán unha nova edición dos Contos de Primavera, para estudantes de ESO.