Eles e elas serán os seis RegueiNovos de Espalla Rimas 2022: ¡lea o que din!
CARBALLO
![Carmen María Taibo, Carmaría, durante a súa intervención nos Premios Galegos da Regueifa 2021](https://img.lavdg.com/sc/mzv6r0jQ6OEJ06ySBzFT5s0tf2c=/480x/2023/01/03/00121672765923100200616/Foto/CE4C4F2_181058.jpg)
Carmen María Taibo, Óscar García Pombo, Sara Marchena, Daniel Vilas, Cristian Gómez e Yéssica Nantón competirán nesta modalidade dos Premios Galegos da Regueifa convocados por La Voz: sábado, 18.00 horas, Pazo da Cultura de Carballo
04 ene 2023 . Actualizado a las 21:01 h.Comezan a amosarse máis cartas da segunda edición dos Premios Galegos da Regueifa, Espalla Rimas 2022. Se hai uns día falaban os membros do xurado e este luns o facía a edila de Normalización Lingüística carballesa, Maruxa Suárez, hoxe fanse públicos os nomes dos e das participantes na modalidade RegueiNovos deste festival. Son seis, e así falan:
Carmaría: «A min na regueifa nunca nada me vai parecer mal»
Carmen María Taibo (Carmaría), Yéssica Nantón, Óscar García, Daniel Vilas (Chaminho), Cristian Gómez e Sara Marchena serán os e as participantes na modalidade RegueiNovos da segunda edición de Espalla Rimas, os Premios Galegos da Regueifa convocados por La Voz de Carballo co apoio da Consellería de Cultura, o Grupo Calvo e o Concello carballés. Previstos para este vindeiro sábado ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura, darán cabida a estes talentos recentes da improvisación oral. Chegarán dende Carballo, Coristanco, Malpica, Burela ou Vigo. Algúns deles repiten e outros veñen de primeiras, caso de Yéssica Nantón ou Sara Marchena, que por certo evidencian o peso feminino nese rexurdir da improvisación oral. Uns e outros esperan aprender, doutro lado, de regueifeiros e regueifeiras xa consolidados, os cales se medirán no apartado RegueiAstros.
Ignacio Lema Pazos, que este ano non poderá estar presente no certame, foi o gañador no 2021 da modalidade RegueiNovos, deixando no segundo posto a Carmen María Taibo, veciña de Buxán, Coristanco. Non lle puxo as cousas nada doadas a Ignacio o pasado xaneiro e seguramente así volva ser este vindeiro sábado, aínda que o galardón non é o seu fin: «Vou por pasalo ben, non vou pensando en gañar nin en nada. Gústame a regueifa e vou divertirme como fixen o ano pasado», contaba onte para Radio Voz, «algo acatarrada». Foi hai cousa de cinco anos cando Carmen María se achegou á regueifa: «Alá no Couto, en Ponteceso. Fixeron un obradoiro e estaba Lupe Blanco de mestra. Leváronme a miña filla e máis Yéssica Nantón [outra das RegueiNovas deste ano]. Eu estaba operada do corazón, algo baixa de ánimo, pero dixéronme que o iamos pasar moi ben, e así foi».
![Carmaría, recollendo o seu segundo premio na edición 2021](https://img.lavdg.com/sc/PfscaHLJHq_5tDfNla1uWSCITfE=/480x/2023/01/03/00121672775222386434856/Foto/C08E2195.jpg)
Nunca na súa vida regueifara, pero xa se animou o primeiro día, «e déuseme ben, ou polo menos non se me dou mal», ri. Tanto que ata mereceu un dos premios do Enreguéifate, con Yéssica, pola peza máis brava. Tamén a súa filla Laura escribe, «pero o de regueifar non é o dela». Coristanco, vendo as mostras de Blanco de Muíño Seco, de Guillermo da Rabadeira, de Fermín da Feira Nova ou da propia Lupe Blanco, parece que dá tan bos regueifeiros e regueifeiras coma patacas, pero Carmaría está convencida de que hai «moita máis xente da que se mostra». Por que? «A regueifa dá un pouco de medo, cantala en público, pódeste bloquear...», valora.
Dixo o pasado ano sobre o escenario que a de Bergantiños é «metediza», e esa é a que lle gusta a ela: «Agora tes que ter moito coidado co que dis, porque nos picamos por todo, pero a regueifa plana a min non me vai. Cando se acaba de regueifar, amigos todos. A min na regueifa nunca nada me vai parecer mal, as rimas son moi traidoras, e iso é bonito, sen levalo ao persoal. O caso é rimar ben aínda que faltes algo», ri. «Téñenme chamado vella, e eu case o prefiro antes ca ser da terceira idade», ironiza. Recoñece medo escénico, pero non quere deixar de participar: «Xornal ningún non vou gañar». Lamenta, iso si, que se ben teñen «un lugar para practicar pilates», non teñan un «para practicar regueifa»: dende este Premios do ano pasado non volveu facelo, así que esta nova volta por Carballo vai ser unha oportunidade.
![Yéssica Nantón, á esquerda, nunha regueifa con Carmaría](https://img.lavdg.com/sc/4MLMG0oWu9ZLpkDWDVLcIEF8nk0=/480x/2023/01/03/00121672766103111323349/Foto/CE4C4F5_181354.jpg)
«Carmaría ten unha neta pequena, e eu un neno. Teñen que ver isto»
Carballesa, con raíces en Borneiro e en Amboade (Coristanco), Yéssica Nantón Remuiñán participará por vez primeira nestes RegueiNovos: «O ano pasado asistín como público», contaba onte. Coma Carmaría, comezou «coma quen di de broma». «Logo, ao ter o pequeno, pois fómonos vendo menos», conta. A pandemia non axudou. Yéssica apenas tiña 18 anos cando presidiu unha asociación para a cooperación, Adiante. Empezou nova a reivindicar e ségueo facendo: «A regueifa é unha ferramenta moi boa para espallar o galego». Ela faino, tamén, co seu proxecto empresarial, Anxóuxeres, nome que mestura o de Anxo, o seu neno, con axóuxeres: «Facemos todo personalizado e tiramos moito cara o galego». «Carmaría ten unha neta pequena, eu un neno, teñen que ver isto. Miña nai levábame ás festas da Rabadeira ver a Guillermo, se non fose por iso eu hoxe non sabería o que é a regueifa», valora. Do sábado agarda «un espectáculo de cultura moi bonito» e empaparse do intercambio de xeracións.
![](https://img.lavdg.com/sc/k-mm8UvyHAO02o67CUQuqVHYNLg=/480x/2023/01/03/00121672765682958818432/Foto/CE4C4F6_18646.jpg)
«A regueifa nas aulas, como di Maseda, é unha ferramenta de construción masiva»
Cristian Gómez Mesa, xa RegueiNovo no 2021, chegará dende Burela. Ten 19 anos e iniciouse na regueifa hai seis, nunha viaxe escolar ao País Vasco na que coñeceu aos bertsolaris: «Pensei que convivir bertsolaris e regueifeiros molaría», conta. Pediulle ensinanzas a Manolo Maseda e de aí pasaría a Enreguéifate, «aprendendo pouquiño a pouco, porque nisto nunca se sabe de todo». «A regueifa nas aulas é unha ferramenta de construción masiva», valora. Estudaba segundo da ESO cando se achegou a ela: serviulle, conta, para ter máis soltura falando, para non quedar en branco ou para tratar mellor de cara ao público: «Aprendes a saír do paso». Non teñen tradición regueifeira na costa da Lugo, nin tivo a oportunidade de ver preto grandes figuras desta arte, polo que se lle fai máis difícil prácticar («a veces vou no coche e póñome, pero aí non hai controversia») e polo que valora especialmente a convivencia que traerán estes Premios. Algún taller ten dado coa coristanquesa Lupe Blanco: «Pero á súa altura, nin pensalo».
![Óscar García Pombo, á esquerda, con Daniel Vilas](https://img.lavdg.com/sc/zeLcieOUnYkAk9Ql--3Db5yO_d0=/480x/2023/01/03/00121672765803315284764/Foto/C08E2177.jpg)
«Que máis amor ca o amor polo teu, polas nosas tradicións e as nosas raíces»
Natural de Cambre (Malpica), Óscar García Pombo ten 46 anos. Xa subiu ao escenario dos Premios na pasada edición e desta vez volve, convencido de que para un regueifeiro é importante «a experiencia que dá o palco»: «O público, saber ler onde estás cantando». «Gústame o humor», detalla. De profesión transportista, recoñécese co inquedanzas e foi da man de Lupe Blanco como indagou en costumes e tradicións. «Algo de poesía tiña. Miña avoa aínda bota unhas coplas a día de hoxe e meu avó tamén canta, foi un cúmulo de circunstancias». A base de vídeos que se conservaban ou de cedés foi aprendendo, en parte de forma autodidacta, e xa ten feito algunha actuación. «Que máis amor ca o amor polo teu, polas nosas tradicións e as nosas raíces», asegura. Trae expectativas, pois, de «pasalo moi ben» e de volver ver veteranos regueifeiros.
![](https://img.lavdg.com/sc/UDk0uO2dhJSyfa7DTcQ_gePv3tM=/480x/2023/01/03/00121672765923840498964/Foto/CE4C4F3_181023.jpg)
«Máis alá da competición quédome con esa foliada final. A regueifa une á xente»
Nacido na Coruña e con familia en Arzúa e Crendes, Daniel Vilas, Chaminho, é dos que repiten como RegueiNovos neste certame. «Teño 27 anos. Metinme a mariñeiro e grazas a iso e á música hip hop coñecín a unha persoa que me introduciu no mundo da regueifa», explica. Fala precisamente de Óscar García: «Gústame improvisar e a nosa lingua, co cal a regueifa e outras formas de improvisación oral apaixonoume», detalla. Dos Premios do 2021 queda coa festa final: «Máis alá da competición houbo esa pequena foliada que tanto me gustou. A regueifa une á xente, é amor, respecto, ledicia», valora. Os obradoiros que imparte Lupe Blanco parécenlle «admirables», por dar conta da raíz: «En Bergantiños son bravos. Isto é boa cousa para calquera idade, de 20, de 30, de 40...».
![](https://img.lavdg.com/sc/wcm_A03DgLYLvKE6Y9oUUwgJzYM=/480x/2023/01/03/00121672766042320539238/Foto/CE4C4F4_181258.jpg)
«A improvisación oral ten todas as posibilidades do mundo, o humor facilítao»
Con 27 anos, a docente viguesa Sara Marchena regueifa dende que tiña 16, cando coñeceu esta arte no instituto da man da Asociación Oral de Galicia, coas voces de Pinto e Caruncho. «Vin que era unha ferramenta que me resultaba moi útil e a parte divertíame. Acababa de empezar a falar galego, ademais. No instituto eramos dúas rapazas que o falabamos, e as dúas acabamos na regueifa», lembra. Así, xa dende o 2017, imparte obradoiros: «A regueifa ten todas as posibilidades do mundo [haina feminista, inclusiva...], o humor facilítao». Para ela será a primeira vez nestes Premios: «Vou coa idea de pasalo ben e coñecer outro contexto diferente ao que me movo habitualmente». Ve futuro: «Temos rapazada moi metida nisto, que pregunta que hai que estudar para ser regueifeira».
a metodoloxía do concurso
Modalidade RegueiNovos. Con seis participantes, as parellas quedarán conformadas mediante sorteo en directo. O nome que saia en primeiro lugar de cada parella será o que arranque coa copla. Haberá dúas voltas no concurso: a primeira, a modo de controversia, por parella, con melodía de Bergantiños (2 minutos); a segunda, individual, dun minuto, con desenvolvemento de temas elixidos polo xurado e melodía libre. O xurado deliberará quen son os tres mellores. Enfrontaranse nun desempate a tres, durante tres minutos. Os dous con mellor puntuación desta volta serán os finalistas e, deles, sairá o gañador ou gañadora deste apartado dos Premios pensado para as novas fornadas de improvisadores.
![](https://img.lavdg.com/sc/7LHdbkB67gZHYd5T3QUIl-eyWl4=/x75/2023/01/02/00121672689001885740841/Foto/C08E2175.jpg)