
O Grupo Calvo colabora de novo na celebración da segunda edición dos Premios Galegos da Regueifa: hoxe, en Carballo, ás seis da tarde
07 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Ademais de ser unha das compañías máis importantes da Costa da Morte, o Grupo Calvo leva anos prestando o seu apoio a todo tipo de iniciativas deportivas, sociais, culturais ou de promoción da lingua. Unha colaboración loable que vén de renovarse co patrocinio da segunda edición dos Premios Galegos da Regueifa. O presidente da multinacional conserveira, Luciano Calvo, manifestaba onte o seu desexo de que a gala desta tarde conte co máximo de afluencia posible para «continuar coa recuperación deste xénero cultural, que non se perda e que se volva máis vigoroso».
Luciano, que asegura estar «encantado» de apoiar unha iniciativa deste calibre, ve con bos ollos a posibilidade de crear algún tipo de escola municipal de regueifa, aínda que o deixa nas mans das Administracións competentes. «Todo o que se cree para expandir a regueifa é positivo, e seguro que se atoparía unha forma de encontrar xente para facerse cargo da ensinanza. Sería unha boa idea», consideraba onte.
Engade o responsable de Calvo que el conserva recordos de improvisadores moi bos que, por desgraza, non tiveron relevo. «Lembro, sobre todo polas aldeas, que ía moitísima xente vela. Despois, por un momento parecía que esta práctica ía desaparecer», comenta Luciano, «pero entón por unha serie de circunstancias volveu revitalizarse e sería bo que iso fose a máis cada día. Pero que o faga dunha maneira natural, orgánica, para non estar a expensas do apoio [de axentes externos]».
E é que un dos aspectos que Calvo máis valora da regueifa é ese contacto co público, esas referencias á vida diaria, ás costumes, á actualidade dos pobos. «Lembro que á xente lle gustaba moito iso e que se poñían na pel dos propios regueifeiros, entendíanos. É algo moi entretido de ver, esa batalla», di Luciano, ao tempo que asegura que non hai demasiadas diferenzas entre disciplinas actuais como o rap ou o freestyle e a regueifa de toda a vida. «Poden variar os acordes, pero o fin é máis ou menos iso, a confrontación entre un e outro», asevera.
Por segundo ano, o grupo conserveiro apoiará esta tarde a celebración do Festival Espalla Rimas que promove La Voz. No nome de Luciano, que desculpa a súa ausencia, acudirá a súa irmá María Herminia, que participará na entrega de premios que se celebrará ao final da gala.