Derrubada xa a torre de refrixeración da central de Meirama, nas Encrobas, axiña lle vai tocar á cheminea de 200 metros, seguramente nos primeiros de marzo. É una morte inevitable, porque xa o intentaron noutros sitios (Cubillos del Sil, en León; ou Andorra, en Teruel) e só lograron algún aprazamento por temas burocráticos. A de Velilla del Río Carrión, en Palencia, xa caeu. Son patrimonio industrial, claro, pero tamén son excesivamente caras de manter, e por iso se botan abaixo eses símbolos industriais do século pasado. Non son coma as das fábricas de ladrillos, tratamento de caolín ou serradoiros que aínda resisten por Laxe, Bembibre, Buño, Cabovilaño ou A Bugalleira. Son pequenas e recias, e tamén un símbolo dunha etapa que xa pasou.
A min dáme máis mágoa ver como se van perdendo outras chemineas, as das casas. Esas grandes e altas, que tanto chamaban a atención por non entender como ata en vivendas pequenas e sinxelas facían semellante obra, a que lle daba sentido á lareira pola que pasaba case a metade da vida no interior da cociña. Esa que perdeu valor cando chegou a chamada cociña nova, pero que mantivo ás familias durante moitas xeracións. Fomos quedando sen lareiras (son case un elemento etnográfico), sen chemineas, case sen fornos. Ás veces, en casas abandonadas, ves traballos de canteiría cheos de silvas e pensas en cantas familias pasaron por elas e durante tantos anos. E lembras como se acendían todas á tardiña e había como un horizonte de fume no teu lugar que marcaba a entrada na noite. Hoxe, algunha desas pedras ata se vende por comercio electrónico, que é outro xeito de arder.