O patrón maior do Prestige dá o salto á política: «Quero acabar coa crispación en Muxía»
CARBALLO
Javier Sar Romero anuncia que se presentará ás eleccións municipais cunha candidatura independente
05 feb 2023 . Actualizado a las 09:29 h.Tiña só 34 anos cando se converteu nun dos rostros máis recoñecibles da catástrofe do Prestige. Por aquel entón, Javier Sar Romero (1968) era patrón maior de Muxía, pero nestes días vén de iniciar unha carreira electoral moi diferente: cara á alcaldía. Presentarase cunha candidatura independente, así llo contou a La Voz:
—Que o levou a tomar a decisión de vincularse á política local?
—A política nunca me levou demasiada idea, sobre todo porque sempre estiven vinculado ao mar e botaba alí as 24 horas. Pero agora, por unha restruturación que fixemos na empresa, levo case dous anos en terra e nos últimos meses moita xente falou comigo para que me presentase. A impresión é que hai un descontento importante.
—Que cre que pode aportar?
—O que me encantaría é baixar a crispación e a tensión que hai agora. Non entendo como se puido chegar a ese punto. Tratarei de traballar coa máxima discreción e educación, que creo que é como se deben facer as cousas: levándose ben con todo o mundo e tratando de solucionar os problemas de Muxía.
—De que maneira o faría?
—Polo de agora o que estou é facendo un equipo no que estean representados a maior parte dos sectores e tódalas parroquias de Muxía. Hai que falar coa xente, traer os problemas ao Concello e ir velo in situ o máis rápido posible para solucionalos. A xente fala de deixadez, de rúas en mal estado, de balados que caen e non se arranxan... Nós, loxicamente, temos aínda que concretar moitas cousas e é moi cedo para falar de proxectos específicos, pero temos moitas ideas.
—Xa ten a lista perfilada?
—Estamos traballando. Son consciente de que imos xustos de tempo, porque eu esta decisión tomeina apenas a semana pasada, pero levamos bo ritmo.
—Confiará en xente con experiencia en política?
—Podo dicir que dos que teño, creo que nunca ningún participou en temas políticos.
—Unha mirada fresca, entón.
—Totalmente. E, ademais, non me importa tanto a súa ideoloxía, senón a educación e a preparación que poidan aportar a este proxecto. E as ganas de traballar e o interese que lle poñan, claro, iso non pode faltar.
—Non valorou presentarse por unhas siglas concretas?
—O certo é que non. Son consciente de que presentarme por un partido independente ten os seus contras, porque é un esforzo burocrático e de financiamento, pero tamén ten os seus pros. Creo que poderemos atraer á xente que rexeita os partidismos, e ademais estaremos libres de posibles directrices que marquen os partidos.
—Aplicará a súa experiencia como patrón maior ao cargo en caso de que resulte elixido?
—Entendo que son cousas moi distintas, pero a base é a mesma: liderar un equipo de xente. E eu no equipo de goberno da confraría intentei sempre facer as cousas con consenso, sen buscar conflito. E iso que pasamos por cousas difíciles, como o Prestige. Iso foi o que fixen toda a vida, o que me ensinaron, e iso é o que seguirei facendo.