A Fundación Pondal súmase ao Caldo de Gloria polo Día de Rosalía

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Servirase de forma simultánea nas tres lareiras do Rexurdimento. Non será a única proposta no Couto, en Ponteceso

18 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 23 de setembro celébrase o Día de Rosalía de Castro e na Costa da Morte haberá actos diversos. Lecturas, análises e tamén gastronomía, pois a Fundación Pondal sumarase ao Caldo de Gloria simultáneo que farán as tres lareiras do Rexurdimento (19.00 horas): esta mesma, con elaboración por parte das cociñeiras da Casa da Muller, a Casa-Museo de Curros Enríquez e por suposto a Casa da Matanza da Fundación Rosalía de Castro, promotora. Dende esta última convidaron «a todo o país» a festexar o Día de Rosalía e precisaron que a este caldo xa se sumaron máis de 200 locais hostaleiros e máis de 70 comedores escolares, ademais de concellos e empresas varias da comunidade.

A fundación padronesa repartiu 46.000 manteis de papel co poema que inspirou esta iniciativa, Miña casiña, meu lar, na que a poeta explica como facer un caldo humilde «a partir da épica da supervivencia, diaria e doméstica, que protagoniza unha muller». O Caldo de Gloria empezou a facerse no 2017 en Padrón, con grande seguimento, e dende o ano seguinte é xa iniciativa a nivel galego.

Santi M. Amil

No caso da Fundación Pondal, a partir das 18.00 horas, haberá ademais un recital poético sobre poemas da autora a cargo do grupo de teatro da Casa da Muller. Irma Macías, voz de Luar na Lubre, achegará unha proposta musical. A Fundación Pondal terá de compango do Caldo de Gloria botellas de viño experimental elaborado con branco lexítimo e agudelo, variedades características da IXP Betanzos en cuxa elaboración colaborou o CFEA de Guísamo. Tamén o Día de Rosalía plantarase no CPI As Revoltas de Cabana unha figueira da Casa de Rosalía.