Thais García, Marco Florido e María Villaverde desplazáronse ata Alemaña para participar na estrea da longametraxe que o ano pasado rodaron baixo a dirección de Carla Subirana
21 feb 2023 . Actualizado a las 11:55 h.Sica, a coprodución galego-catalá que Carla Subirana filmou hai un ano na Costa da Morte, estreouse estes días na sección Generation do Festival Internacional de Cine Berlinale, en Alemaña. En representación desta longametraxe, que foi moi aplaudida trala súa primeira proxección, acudiron a directora, a actriz catalá Núria Prims e os tres mozos intérpretes da comarca que participaron no filme.
Thais García, cabanesa de quince anos, interpreta á protagonista, Sica, que agarda a que o mar lle devolva o corpo do seu pai tras falecer nun naufraxio. Marco Florido, larachés residente en Carballo, dá vida a Suso, un mozo fascinado polo estudo da meteoroloxía que se converte ao longo da peza nun importante apoio para Sica. E, por último, a vimiancesa María Villaverde encarna a Leda, que tamén perdeu ao seu pai no mesmo afundimento e que tralo terrible suceso se distancia da súa mellor amiga, Sica.
Ademais de na Berlinale, a longametraxe participa tamén estes días no European Film Market de Berlín. A estrea nos cinemas está prevista para o 19 de maio.