Éxito rotundo da actividade levada a cabo este domingo en Salto, con Teté Teatro e o dúo Caamaño & Ameixeiras
07 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Tan importantes son os grandes nomes como as agrupacións máis modestas. E así, xunto a Vero Rilo actuaron as pandereteiras de Carnés, con Pan Sen Fron estiveron as de Berdoias e xunto ao dúo Vaguedades actuaron as de Treos.
O programa vimiancés A Costa da Vida tamén é unha aposta firme pola canteira, segundo explicou onte a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e como quedou patente na última actividade levada a cabo este domingo no salón parroquial de Castromil, en Salto, que se encheu ata os topes para gozar dunha representación de Teté Teatro e dun concerto do dúo Caamaño & Ameixeiras. «Non hai palabras para a resposta que está tendo este programa. En todas as parroquias está sendo un éxito e está axudando a que non se perda esa gran riqueza do rural, como é o contacto porta con porta», comenta a rexedora.
«As actrices de Teté Teatro teñen unha gran valía, recollendo temáticas que teñen moita historia e contribuíndo a que non se perdan. E de Caamaño & Ameixeiras que dicir... Esas rapazas estiveron bárbaras e recordaron as súas raíces. E que bonito é poder ir ver a unha neta actuar na túa propia parroquia!», engadiu Mónica, que xa avanzou que este tipo de programación deslocalizada «veu para quedar».