Rafael Rodríguez: «Un 12 % das familias rexeitan doar os órganos dun parente falecido»

Antón Lestón Lago
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CESAR TOIMIL

A VIVA VOZ | O presidente da Asociación de Loita Contra as Enfermidades do ril en Galicia, Alcer Galicia, recomenda prevención, valora os progresos e sinala as principais eivas deste problema

10 mar 2023 . Actualizado a las 19:09 h.

Rafael Rodríguez (Ferrol, 1962) é o presidente da Asociación de Loita Contra as Enfermidades do Ril en Galicia dende o 2005, aínda que a súa presenza na directiva remóntase a 1992. Dez anos antes comezara a sufrir doenzas renais que remataron en diálise, momento no que comezou a poñerse en contacto coa organización que hoxe preside e que intenta concienciar e visibilizar este tipo de enfermidades, que a miúdo quedan en segundo plano. No día mundial do ril, conmemorado onte, había poucas persoas máis indicadas para falar deste tema.

—Cal é o seu principal obxectivo?

—Non é tanto visibilizar como concienciar. Queremos que a cidadanía se decate de que pode estar enferma, porque os riles non doen. Non hai nada que che diga que se están estropeando. A tensión arterial alta, ou hipertensión, e a diabetes son dúas das principais causas, pero ata que dá o aviso moitas veces non somos conscientes. E unha vez que o ril xa non funciona ben, non se pode recuperar.

—A solución?

—Previr, claro. O noso lema deste ano para o Día Mundial é «Prepárate para o inesperado», porque, xa che digo, os riles non avisan. De repente deixan de cumprir a súa función. Pero, por sorte, nós temos unha máquina de diálise mentres non chega un transplante. Entón claro que a solución está na previsión, en coidarse. Iso significa algo tan sinxelo como: a partir dos corenta anos, cada vez que vas ao médico de cabeceira, que che mire a tensión arterial, o índice de glicosa, os niveis de creatinina...

—En xeral, a poboación cóidase máis, sobre todo a xuventude.

—Si, claramente a xuventude actual fai as cousas moito mellor que a xuventude na que eu vivín. Os mozos de agora están moito máis informados e formados. Canta xente hai agora vegana ou vexetariana? Ou que proporción fai exercicio sabendo que esa actividade física é boa para a saúde? Eses niveis son moi distintos aos de épocas anteriores. O mesmo coa cantidade de auga que bebemos ao día ou co simple feito de fumar. Antes era raro o que non fumaba e agora saben dos seus perigos. Todos eles son factores que inflúen directamente na saúde renal.

—Para esa concienciación son claves días como 9 de marzo?

—Por suposto. Está claro que o importante é traballar por isto tódolos días. Pero que un ao ano, os medios de comunicación, os institutos ou os centros de saúde estean falando de saúde renal, seguro que vai provocar que dúas, tres, catro ou as persoas que sexan pensen en someterse a algunha medición que poden descubrir problemas deste tipo.

—Imaxinaba este crecemento no número de transplantes e doantes?

—Nin de broma, cando me tocou a min esta situación era impensable. As menciñas están facendo que os transplantes de agora duren 20 ou 25 anos, cando nos oitenta o máximo estaba nos 7. Era impensable tamén a doazón cruzada, a doazón de vida ou ter esa figura de bo samaritano —esa persoa que doa un órgano para que llo transplanten a alguén—. Aínda que tamén é certo que quedan algunhas eivas importantes.

—Como cales?

—As negativas familiares. Estamos en torno a un 12 %, e é algo que debemos eliminar. Recordemos que só un de cada cen doentes que morren nun hospital poden ser susceptibles de doar os órganos, polo cal atopar un xa é o bastante complicado como para que, aínda por riba, o 12 % das familias rexeiten esa posibilidade. É unha proporción que se vai reducindo pouco a pouco, pero aínda queda moito por traballar. En Galicia estábamos por riba do 20 % de negativas e grazas ao traballo de institucións como a nosa, a da consellería e, sobre todo, a dos centros escolares —pois a doazón de sangue e órganos está no currículo escolar—, foi baixando ata os niveis actuais.

—Que ten que facer alguén para converterse en doante?

—É moi sinxelo, a través da nosa páxina www.alcercoruna.org ten un procedemento guiado e gratuíto a través do cal pode conseguilo. Facelo é un xesto de prestixio social. Dicía o doutor Buitrón, que creou a Unidade de Transplantes do Chuac: «O maior xesto solidario e altruísta é aquel que fas cando nin sequera vas ser capaz de comprobar que o fixeches» Cada persoa pode salvar sete vidas.