GENTES DEL FINIS TERRAE | Mofa e Befa, de 30.º aniversario, actuará este sábado en Vimianzo: obra «Pirolíticos». Fala Víctor Mosqueira, cormelán
15 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Vimianzo prepárase para un novo sábado de teatro. Desta volta con Mofa e Befa e a súa obra Pirolíticos: 20.30, auditorio da Casa da Cultura, entradas á venda de forma anticipada en woutick.es. Mofa e Befa, por certo de 30.º aniversario, son Evaristo Calvo, con raíces en Erbecedo, Coristanco, e Víctor Mosqueira (Corme, 1962). Dous rostros imprescindibles da escena e tamén do audiovisual galego. Fala Mosqueira:
—Estrearon «Pirolíticos» no FIOT de Carballo, unha coprodución con moi boa crítica. Como vai?
—Xustamente agora pola mañá [conversa de onte] estamos facendo unhas funcións para institutos, na Sala Ártika, en Vigo, un lugar e un equipo altamente recomendable, encantadores. Levamos desde o xoves pasado e está funcionando moi ben. No mesmo espazo, na fin de semana, fixemos o espectáculo para público xeral: venres, sábado e domingo e cheo os tres días. A xente está acollendo con gusto a produción, estamos moi contentos. Dende a estrea en Carballo cambiamos algún sketch, refixemos algo as presentacións para deixala algo máis leve. Creo que con iso, e con estas prácticas diarias, vai rodando. Grand success, pois!
—Feminismo co seu perralleirismo habitual. Metéronse nunha boa e parece que resultou ben.
—Resultou si, podía ser que nos apedraran... Co noso estilo sempre estamos no límite. Temiamos que quizais se entendese mal, ou que alguén entendese que facemos unha parodia sobre o feminismo, pero nada máis lonxe. O enfocalo dende o punto de vista de espectáculo para os homes, para que se revisen e se sumen á causa, penso que foi unha boa decisión. Fíxose máis levadeiro, para que os homes o pasen mal [ri]. A xente divírtese, e sobre todo elas son as que máis!
—Texto da autoría de tres mulleres, María Lado, Lucía Aldao e Clara Gayo, está última tamén directora. Para vostedes, como homes, foi unha descuberta?
—Leramos material de feminismo, de todo tipo. Pero si descubrimos cousas, coma case sempre que afrontamos un traballo. As autoras teñen a súa versión, a directora é máis combativa. Apréndese moito neste oficio.
—Dicían que non é obra liturxia.
—Nós só damos a nosa visión...
—E fano a través do humor. Unha boa ferramenta, non?
—Encántame rir, que me fagan rir e facer rir. O humor sempre é unha fórmula boa para comunicar, para expresar unha idea incluso seria, un vehículo bo que lle resta arestas a temas espiñentos. Con-humor-todo-vai-mellor.
—Mofa e Befa creo que lle chamaba a unhas bicis de neno...
—Eran as bicicletas que tiñamos o meu amigo Manuel Torres e eu, en Corme. El chamáballe así e a min pareceume un moi bo nome despois, ao vir de Italia, onde tamén teñen iso de beffare e mofare, como en galego. Busquei un acompañante, unha copia cómica, e en principio falara con Pico [Xosé Manuel Olveira], chegamos a facer un número sobre a mili que logo recuperei con Evaristo. E así van trinta anos con Evaristo, aguantándoo... [ri].
—Como pode durar tanto un matrimonio humorístico?
—Con humor! Hai de todo, pero aí seguimos, con épocas mellores e peores, claro, porque Evaristo e eu non só curramos en Mofa e Befa, temos a nosa compañía, son papeis distintos... Resistindo.
—En Carballo festexáronlle os 30 anos de Mofa e Befa cunha exposición e cun mural de arte urbano. Algunha vez pensou en ver o seu rostro tamaño edificio?
—Non, non. Como moito unha foto na porta dun teatro, pero a verdade é que me gusta moito o traballo de Yoseba, un tipo marabilloso. Quedamos moi contentos de que nos fixesen isto en Carballo, é un recoñecemento grande, quérennos ben aí.
—Un recoñecemento nun lugar que é capital teatral en Galicia.
—Agora mesmo, creo, Carballo está por Ribadavia ou de Cangas, sen desmerecer, eh! O FIOT está moi ben, é realmente memorable.
—Sábado, logo, a Vimianzo.
—Estaremos na Illa xusto o día antes, así que a Vimianzo levarémolo todo niquelado. E a semana que vén, por certo, iremos a Carballo, con O porco de pé.
—Unha obra pola que vostede está nominado aos María Casares como mellor actor protagonista.
—E Patricia Vázquez como actriz protagonista e Evaristo como secundario. Nominada tamén como mellor espectáculo, mellor adaptación-tradución (Quico Cadaval e Pepe Sendón) e mellor vestiario (Carlos Alonso). Moi ben, saíunos moi ben o porco. Fixemos moitas funcións, pasámolo moi ben facéndoo e é unha obra que para ser do ano 1928 parece que foi escrita onte. En Galicia era un clásico, era don Vicente Risco.
—Que tería sido de non ser actor?
—Actriz [ri]. Non o sei. De pequeno quería ser bombeiro, pero supoño que tería sido mariñeiro, como meu pai, como toda a miña familia. Navegante. Fixen o curso de patrón de navegación básica e logo farei o PER. Teño un vínculo moi forte co mar. Miña avoa paterna era fisterrá, meu avó de Camariñas, teño familia en Camelle, meu pai xa naceu en Corme, e miña nai... Teño o RH todo da Costa da Morte.
—Pode vir moito a Corme?
—Van máis os meus amigos. Alfonso, alcalde de Xenebra, vai máis a Corme vivindo en Suíza ca min. Vou pouco... e bótoo de menos.