«Muiñeirax»: Mulleres fortes, meigas, tradición e rock en Dombate

Patricia Blanco
p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O ABALADOIRO | Adhara and Ritman abre dende o dolmen de Cabana a campaña da Deputación da Coruña #PatrimonioInMaterial

22 mar 2023 . Actualizado a las 11:02 h.

Túa nai é meiga, teño medo dela...

A un tempo de meigas, rituais e supersticións, pero sobre todo a un tempo de mulleres fortes que por iso causan terror, é a onde quere levar ao espectador o grupo Adhara and Ritman, protagonista do primeiro vídeoclip musical da campaña #PatrimonioInMaterial impulsada pola área de Patrimonio da Deputación da Coruña. E dende onde o fan? Dende un dos bens provinciais na Costa da Morte, o dolmen de Dombate, «espazo milenario que servía como lugar de culto a morte, de homenaxe aos nosos devanceiros e devanceiras», describiu o organismo na plataforma Youtube, espazo de lanzamento.

Adhara and Ritman, cun coidadísimo traballo a nivel de imaxe a cargo Cooperativa Audiovisual Suseia, ofrecen a peza Muiñeirax, esa letra de tradición que figura ao comezo destas liñas mesturada con rock e contemporaneidade. É precisamente esa combinación a identidade do grupo, liderado pola carnotá Adhara Caamaño. A difusión do dolmen comezou en Youtube, pero seguirá en redes como Twitter, Tik Tok ou Twich, con creadores de contido elixidos para iso, en tanto que se trata de achegar o patrimonio aos máis novos empregando canles do seu día a día.