Presentouse onte en Medulia Editorial a obra Voto de silencio, da autoría de Andrea F. Maneiro
24 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Poética concisa, rebelde (...) poética que tende pontes, tamén, con algunhas das novas voces femininas, incorporándose ao discurso de deconstrución da cultura patriarcal, para camiñarmos máis lixeiras, sen uniformes, cara un porvir liberador». É este un extracto do prólogo que firma Beatriz Dourado na obra Voto de silencio, da autoría de Andrea F. Maneiro, presentada onte na sede da editorial Medulia, na Coruña. Con este texto gañou Andrea (segunda pola dereita, na imaxe) o cuarto premio Eduardo Pondal de poesía, convocado precisamente pola editorial, da que é piar a cormelá Diana Varela Puñal.
A autora de Voto de silencio recolleu este xoves a placa conmemorativa do certame, en presenza do xurado, que tamén abondou na súa obra, en tanto que se trataba da presentación pública do libro. O acto serviu, ademais, para convocar oficialmente a quinta edición do concurso, unha nova entrega xa anunciada no seu día, pero que aínda ten aberto o período de recepción de traballos ata o vindeiro 1 de maio. Máis ronsel para este premio, que trata de estimular a creatividade e de honrar a figura do autor do Himno galego.