Alumnos de secundaria de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais de Cerceda, son os destinatarios deste concurso, xa con prazo aberto: ata o 30 de abril!
26 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Iniciada a nova estación, a delegación carballesa de La Voz de Galicia e máis Radio Voz xa teñen convocada unha nova edición do seu certame literario Contos de Primavera. Será a sexta entrega deste concurso iniciado no 2017, mais cun ano de parón, o 2020, a causa da pandemia do covid-19. Contos de Primavera é unha proposta dirixida a alumnado de secundaria de centros educativos emprazados nas comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, así como tamén no municipio de Cerceda. Un certame que ten un irmán maior, xa plenamente consolidado, os Contos de Nadal para educación primaria.
A multinacional Calvo patrocinará, novamente, esta sexta edición do concurso, para os que rapaces e rapazas de primeiro a cuarto da ESO teñen aínda un mes por diante para darlle ao seu maxín, en tanto que o prazo de envío dos traballos non rematará ata o vindeiro 30 de abril. E sobre que escribir? A temática é libre, aínda que necesariamente vinculada a aspectos paisaxísticos, históricos, etnográficos ou patrimoniais da Costa da Morte, que é o ámbito de influencia da convocatoria. Cada relato terá unha extensión máxima de 2.000 caracteres —con espazos— e han de facerse chegar, correctamente identificados, ao correo eventos.carballo@lavoz.es. Por identificación enténdese: nome e apelidos do alumno, curso e centro educativo do que é estudante.
Lugares, lendas, costumes, tradicións ou acontecementos do pasado que explican o presente, así como vivencias persoais nun territorio tan impregnado de identidade como é a Costa da Morte foron en entregas anteriores fontes de inspiración dos textos do alumnado. Contos de Primavera naceu coa idea de descubrir e fomentar o talento literario nas idades mozas, espertando a súa imaxinación. Alentar e, pode dicirse tamén coa traxectoria levada ata o momento, que tamén consolidar: baste recordar que, na última edición, entre os dez rapaces no podio había cinco que xa obtiveran galardóns ben neste certame, ben en Contos de Nadal ou mesmo noutras propostas da comarca. Como en anteriores anos, as bases do concurso contemplan premios para os autores dos tres textos que acaden maior puntuación por parte do xurado encargado da lectura dos traballos. Os seus integrantes terán que seleccionar un total de dez relatos, recibindo os sete restantes, tamén, un diploma.
«Cando un compite hai posibilidades de gañar, o que non hai son posibilidades de perder», díxolles o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, aos galardoados no 2022, encabezados por segundo ano consecutivo por Irene Ramón, alumna do Manuela Rial Mouzo de Cee. Palabras de alento para que sigan tirando de creatividade.
PINGAS LITERARIAS
GAÑADORA 2022. Irene Ramón Fernández
«Todos precisamos ser barcos á deriva (....) Porque... quen acaso lembrando todos os naufraxios da Costa da Morte esquece a súa beleza?
GAÑADORA 2021. Irene Ramón Fernández
«Penso no mar e na onda que vai encollendo ata que unha rocha a destrúe. Penso no mar e nesa cor que amosa no verán. Tamén no bravo que se volve...»
GAÑADOR 2019. Enrique Fdez. Chumma
«Todo o que me rodeaba era máis brando, como máis dilatado, como relaxado. Era o momento de saltar ao baleiro. No meu rostro sentín...»
GAÑADOR 2018. Hadrián Félix Neira
«(...) O mar, inmenso como a esperanza e liberdade que el quería para Galicia. É moito máis poderoso o desexo de liberdade que o desexo de vencer»
GAÑADORA 2017. Lucía Varela López
«O pouco que lle ensinan na escola apúntano con tinta e pluma nunhas táboas de madeira; o pouco que teñen compárteno todos. Ás dúas chegaba á casa (...)»