AConsellería do Mar únese a outras dúas consellerías que invitan a Apatrigal a mesas de traballo para aportar ideas e aconsellar a estratexia para un futuro máis racional e sustentable. Coa oportunidade do turismo que a Xunta adoita ter como bandeira, unha sombra para a nosa asociación se non se miden as consecuencias, pensan e pensamos que podemos mellorar a nosa relación co litoral. As nosas achegas a esa tormenta de ideas foi por varios camiños. Por unha banda, entendemos que temos que deixar de construír paseos marítimos por toda a costa, paseos que producen moito residuo e que prexudican a excelencia dunha costa coidada e natural.
A senda litoral de Taragoña foi un dos exemplos que puxemos como o camiño a seguir: mínimo impacto, cero humanización e adaptación do home á paisaxe. Que, por outra banda, é o que buscan os turistas de certa educación, o noso feito diferencial do Mediterráneo completamente formigonado. Tamén advertimos da necesidade de dar prioridade ás xentes do litoral, aos oficios tradicionais e ás actividades cotiás fronte ao turismo, deixando a este relegado como un observador. Só así non se alterará, como xa fixo nas localidades turísticas que todos coñecemos.
A limpeza, a reciclaxe dos residuos e a orde son varios puntos que pensamos que deben prevalecer nos nosos portos, para conseguir unha imaxe de maior calidade fronte aos visitantes. Tamén propuxemos que se elaborara un plan de conservación e mantemento para o patrimonio, eixo primordial da nosa actividade, pero tamén do feito diferencial deste país, da nosa identidade cultural.