ECOVOZ 2023 | A astrofísica boirense participou no programa Ecovoz, de Radio Voz, falando das súas experiencias nos Estados Unidos
03 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A astrofísica galega Isabel Rebollido (Boiro, 1989) pasou os últimos anos lonxe de Galicia, pero xa está de volta. Despois dun tempo en Baltimore (Estados Unidos), vinculada ao telescopio espacial James Webb, agora traballa máis cerca, no Centro de Astrobioloxía-CSIC en Madrid.
—Como de diferentes son os norteamericanos?
—Vivín dous anos e medio alí e é moi distinto. É complexo porque é un país moi grande e a lexislación é moi diferente segundo o estado, pero en xeral a reciclaxe e a conciencia medioambiental supón un choque bastante grande. Na miña zona todo o mundo tiña coches grandes, ía ao traballo neles e non tiñan a reciclaxe como unha prioridade.
—Polo que sería complicado, por exemplo, reciclar na casa.
—É moi difícil. Aquí temos os nosos contedores de cada cousa, pero alí non. Se queres reciclar tes que ter o teu propio na casa e un extra para botar o reciclado. O proceso tampouco é o mesmo. Alí tes que entregar os contedores lavados. E, por exemplo, un iogur non o podes botar sen limpar, tampouco un frasco de marmelada. Todo iso fai máis difícil o proceso.
—Cóntenos algún exemplo máis.
—Aquí cando botamos o lixo non metemos pilas ou lámpadas, pero alí a xente nin de broma se para a pensar niso. Alí ata unha lámpada tes que achegala ao punto limpo. É un mundo totalmente distinto e iso explica por que en Estados Unidos se recicla moi pouco.